Necrolóxica | Manolo de Celeiro

José Manuel Bermúdez Arias, veciño da parroquia vilalbesa de Santaballa, faleceu aos 63 anos
José Manuel Bermúdez Arias, Manolo de Celeiro, xunto a súa nai, Josefa, xa falecida. EP
photo_camera Manolo de Celeiro, xunto a súa nai, Josefa, xa falecida. EP

Con só catro anos, José Manuel Bermúdez Arias xa era quen de recitar poesías do seu tío avó, o poeta Caetano Arias, o Gaiteiro de Santaballa. Aos 63, esa voz que nunca calou e ese corazón que latexaba cheo de aprezo pola historia dos seus e da parroquia que o viu nacer, medrar e formar unha familia, deixaron de oírse. Pararon. De súpeto. Moito antes de tempo. E entón foron os sentidos adeuses os que se deixaron oír, os que resoaron ben fortes entre a familia e os amigos, en Santaballa, en todos aqueles lugares, que non foron poucos, nos que Manolo de Celeiro deixou a súa pegada.

O fillo de Josefa Arias, Mestra da Memoria, aprendeu na casa o que é querer as raíces, e esa foi sempre a súa bandeira. De palabra, porque quen o coñecía sabe que era coma unha enciclopedia de Santaballa, da súa tradición oral. E tamén de obra, porque alí onde fixese falta botar unha man, botábaa. A súa implicación coa conservación desa emblemática e centenaria escola habaneira na que unha vez foi alumno (e sempre foi mestre) e coa Liga Santaballesa, de cuxa directiva formaba parte e da que era unha das pezas fundamentais, sempre foi máxima, igual que con calquera outra iniciativa que servise para valorizar a súa terra. 

José Manuel Bermúdez Arias, Manolo de Celeiro, na Feira Indiana de Santaballa. EP
José Manuel Bermúdez Arias, na Feira Indiana de Santaballa. EP

Onde sentía que tiña que estar, Manolo sempre estaba. Mesmo dende a distancia. E por iso Manolo seguirá estando. En cada actividade, en cada Feira Indiana, en cada partido do Santaballés, en cada pequeno ou grande avance, Manolo estará. Como non vai estar? A historia dos lugares constrúena as súas xentes e igual que súa nai, Josefa, e el mesmo mantiveron vivo a Caetano e tantas outras lembranzas, agora son os que quedan atrás, os que lle querían ben, os que gozaron da súa fina retranca, os que tiveron a sorte de compartir con el, os que han de preservar a súa memoria. Os que conten quen era José Manuel Bermúdez Arias. E que ese enterro fixado para este xoves 30, ás doce do mediodía dende o Tanatorio de Vilalba ata a igrexa parroquial de Santaballa, sexa unha mostra das tantas que virán de que en Santaballa, Manolo de Celeiro perdurará.