Necrolóxica | Gonzalo Calvo Carreira

Gonzalo Calvo. EP
photo_camera Gonzalo Calvo, segundo pola dereita. EP
O de Requeixo, o de Sidegasa, o de Sonycar, o de Na Casa Zoqueiro... Todos en Guitiriz tiñamos o noso. Todos en Guitiriz choramos hoxe á persoa na que se conxugaban todos eses nomes, Gonzalo Calvo Carreira, finado este venres aos 67 anos.

Gonzalo de Requeixo foi o fillo do ferreiro, o pequeno de dous irmáns, nacido e criado nesta aldea dos Vilares, xa no linde co veciña parroquia do Buriz, a onde foi á escola da Ventisca.

Gonzalo, o de Sidegasa, era aquel que formou parte dese listado de máis de 500 persoas que se ilusionaron cun futuro grazas á gran firma metalúrxica, moitas delas veciñas de Guitiriz. A fábrica non chegou nin á década de existencia, mais aquela etapa laboral dos anos 80, a unión na loita pola permanencia e o reinventarse despois, tivo un gran peso na vida de moitos dos que a protagonizaron. Mantiveron os lazos, xuntándose nunha cea anual ata moitos anos despois. 

Gonzalo, o de Sonycar, é o símbolo da evolución, da reinvención e do emprendemento. O adeus á grande empresa e a benvida ao proxecto persoal, coa familia, no día a día no negocio, sempre no nome. A tenda de electrodomésticos, que mudou da Rúa Deputación a Boa Veciña de Guitiriz mantendo sempre o mesmo espírito, converteuse nun referente co paso dos anos. Quen non tivo na súa casa unha televisión ou unha lavadora de Gonzalo? 

Gonzalo, de Na Casa Zoqueiro, é o desexo de seguir estando e facendo. O afrontar a loita armado cunha pandeireta e cun sorriso. Cantarlle á vida todo o que sexa posible.

Agora non parece momento de cantar, de sorrir, de tocar, cando alguén marcha así, tanto antes de tempo. A despedida anunciada non se fai máis doada. E desta vez o adeus está aí, presente, e este sábado, ás 16,30 dende Velatorios Teixido cara á igrexa de San Xoán de Lagostelle, para dicirllo a todos eses Gonzalos e a tantos outros. Tamén a aquel que estaba sempre operativo para calquera emerxencia, ao amigo, moi amigo, dos seus amigos, ao que paseaba de cotío cara ao límite de provincia, a ese que sempre tiña tempo para unha parrafada... 

O home grande, de aspecto serio, voz profunda e sorriso fácil permanecerá, porque se xa costa esquecerse dunha persoa que deixa pegada, será imposible cando son tantas nunha.

Ata sempre, para sempre, Gonzalo.