Necrolóxica | María José Neira Maseda

María José Neira Maseda. AEP
photo_camera María José Neira Maseda. AEP

Quen coñeza mínimamente a historia da localidade chairega de Muimenta, sabe que o seu sinal de identidade é o sentimento de pertenza e de unión de todos os que forman parte dela. Un afán por construír pobo e arrimar o ombreiro que existe na veciñanza a nivel colectivo, pero tamén no ámbito individual, o cal se puido ver reflexado perfectamente en María José Neira Maseda ao longo da súa vida. Esa que tristemente chegou este xoves 15 ao seu fin, con só 63 anos, causando un fondo pesar na súa vila.

María José era de Muimenta de toda a vida, como tamén o foron seus pais. Alí emprendeu os seus negocios, primeiro unha carnicería e, na actualidade, a asesoría Suliña. Pero tamén estivo presente en practicamente todas as iniciativas sociais e culturais da localidade, formando parte ao longo dos anos das directivas da asociación cultural Aquilino Iglesia Alvariño, da Anpa do colexio local, da agrupación de empresarios e tamén da comisión organizadora número 1 da Moexmu.

Tamén integrou a directiva do Colexio de Mediadores de Seguros de Lugo e formou parte da lista do BNG de Cospeito para varias eleccións municipais, como nas dúas últimas convocatorias. Unha formación política na que tamén estaba seu marido, Luis Jove, que foi tamén candidato á alcaldía, e na que xuntos formaban "un gran tándem", como os definen os seus compañeiros de partido.

Unha muller moi activa, traballadora, directa, amiga dos seus amigos e moi querida, á que os seus veciños despedirán este venres, arroupando, ademais de a Luis, tamén ao seu fillo Iago, súa nora Noemí, seus netos Antón e André e demais familia, nun funeral no tanatorio Alvariño ás 16.30 horas.