lunes. 27.09.2021 |
El tiempo
lunes. 27.09.2021
El tiempo

Naturezas vivas e mortas

imgData
Andrés González Shuttleworth, pintando o Madia Leva de Baamonde. JAMY CORRAL
O pintor Andrés González Shuttleworth expón durante o verán no Madia Leva de Baamonte 14 óleos dedicados ás paisaxes de Antas de Ulla e á natureza morta.

Naturezas é a proposta que trae o pintor Andrés González Shuttleworth ao Madia Leva de Baamonde. Unha exposición composta por 14 óleos que os visitantes poderán ver durante este verán.

Andrés González Shuttleworth é de Baiona e vivía en Vigo ata hai uns tres anos, cando se mudou a Antas de Ulla, lugar onde atopou inspiración para algunha das súas obras expostas.

"A exposición pode dividirse en dúas partes, unha parte son paisaxes, especialmente de Antas de Ulla, e outra é a de naturezas mortas, que son flores que cultivo eu na miña casa e que logo arranxo e pinto no estudo", explica o artista.

Andrés González sempre se dedicou ao mundo da arte, pero máis enfocado á música e á poesía, a pintura apareceu case de casualidade. "Eu empecei facendo gravado en madeira, ao principio facía temas abstractos, pouco a pouco funme interesando no debuxo e absorbeume tanto que ata acabei deixando o do gravado", comenta.

Antas de Ulla, lugar no que vive dende fai tres anos, forma parte da súa obra e o monte Farelo aparece en dous dos seus cadros

Foi hai uns cinco anos cando Andrés fixo esta aposta pola pintura e comezou a formarse, primeiro cun curso de pintura realista en DiCinti Villalón e logo estudando artes na Universitat Oberta de Catalunya (UOC).

Cando chegou a Antas de Ulla comezou a explorar a zona e a atopar nela unha fonte de inspiración para as súas obras. "Diante da miña casa está o monte Farelo, hai dúas pinturas do lugar na exposición, é un pouco como facía Cézanne co monte Sainte-Victoire, eu collo o Farelo como o meu monte particular para facer os meus estudos", explica Shuttleworth. 

En canto a influencias, o pintor ten moitas, dende o realismo de Fernando Álvarez de Sotomayor, pasando polo impresionismo ata o expresionismo austríaco ou o simbolismo. E sen deixar de lado as súas raíces, xa que a súa nai é inglesa, tamén atopa en pintores como William Nicholson un camiño a seguir.

"A miña aspiración é o realismo, pero precisa de moita técnica polo que necesito tempo e traballo para conseguila", sinala o pintor.

Agora comparte cos visitantes do Madia Leva un anaquiño desa natureza que o cativou a el.

Andrés González Shuttleworth. JAMY CORRAL

Naturezas vivas e mortas
Comentarios