RECUNCHOS A DESCUBRIR

O Caneiro: natureza hipnótica nun lugar de feitizo

A área recreativo pontesa ofrece un espazo de lecer cheo de calma
undefined
photo_camera Área recreativa do Caneiro. C.ARIAS

Á beira do río Eume, envolta en natureza hipnótica, sitúase a área recreativa do Caneiro, un lugar illado, pero de fácil acceso, perfecto para pasar un día de lecer e de desconexión preto do centro urbano das Pontes. 

                               Máis concorrida no verán, para asegurar o bo tempo para desfrutar dun bo xantar en familia ou con amigos —os máis atrevidos, tamén dun baño no río—, a área recreativa do Caneiro convértese nun lugar de feitizo no outono. As follas cobren o chan cun manto de cores tostadas, que se mesturan co verde habitual, mentres o río corre sen descanso. 

Na área recreativa hai numerosas mesas de pedra, tamén de madeira, con bancos, así como varias barbacoas para facer a comida, ademais do merendeiro cuberto, ideal para escapar do sol ou da choiva. Está dividido en dous espazos, para facilitar que se poida compartir entre xente diferente, e sitúase a poucos pasos desa icónica ponte que non ten auga debaixo dende hai moito tempo, pero que sempre ten xente disposta a cruzala para facerse a foto de rigor dende a cima do seu arco. 

Para os que lles guste a fotografía, no camiño de volta poden facer unha boa panorámica das Pontes e do seu xigantesco lago artificial. A imaxe merece a pena.

O lugar
                                
Está a varios quilómetros do casco urbano das Pontes. Accédese dende a estrada LU-861, por unha vía que leva ao núcleo que ten o mesmo nome. Alí, un sinal de madeira marca o desvío por unha pista de terra. 

 
Curiosidades
A ponte que se converteu en símbolo do Caneiro foi trasladada dende Illade cando o crecemento da mina provocou a expropiación e a desaparición de ducias de lugares. 
Rutas 
Algúns desvíanse para facer unha parada na área recreativa cando realizan a ruta de sendeirismo PR-G 147 As Fragas da Ribeira e Lostegal.  

Comentarios