Experiencias entre fogóns top

Nacido e criado entre hostaleiros

Criouse en Casa Gaibor, o que o alentou a continuar pola senda gastronómica, con paradas no CSHG e en tres restaurantes
Antón Castro. EP
photo_camera Antón Castro. EP

De neno "xa andaba algo" nos fogóns entre os que naceu, os da guitiricense Casa Gaibor, e quizais ese foi o pulo que o invitou a continuar pola senda profesional. Ou por aquilo de que "tampouco tiña moi claro o que quería estudar", explica o protagonista, Antón Castro, quen con 21 anos pode presumir de pasar por algunhas das cociñas máis exquisitas do país.

Comezou a súa andaina no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), en Santiago de Compostela, onde estudou Gastronomía e Dirección de Cociña durante dous anos. Dese paso, unha das cousas que máis valora é que se tratase dunha ensinanza "moi práctica", ademais de levar aprendido "moito" acerca de organización, de márketing e de dirección.

No seu primeiro ano de prácticas recalou no restaurante Bellavista del Jardín del Norte de Barcelona e un ano máis tarde, no estrela Michelín Marqués de Riscal, na localidade alavesa de Elciego. Alí estivo durante sete meses.

Da súa estadía en Marqués de Riscal quédase "coa súa maneira de traballar, tan estandarizada" e o "valorado que facían sentir ao traballador", recorda Antón. Tamén explica que dende a mesma cociña, formada por "nove ou dez membros", se atendía ao restaurante tradicional de comida rioxana e vasca, ao gastronómico e ao de picoteo.

Trala súa volta a Guitiriz, compaxina o traballo na Casa Gaibor coa súa outra paixón, o fútbol

Antes de volver á casa, tivo a oportunidade de cociñar ás ordes de Lucía Freitas, do restaurante compostelán Lume —tamén con Estrela Michelín—, e a aprendizaxe recollida dos fogóns polos que pasou agora tócalle transmitila no seu fogar. "Todos imos aportando ideas, probando e sacando cousiñas", afirma, e recoñece que "Casa Gaibor foi evolucionando segundo o que pedía a xente, agora é máis coidado, mentres seguimos traballando con produto de tempada". 

Ademais, tal e como afirma Antón, "a cociña é un equipo e canto máis saibamos todos, mellor", filosofía que tomou do restaurante vasco, onde cada empregado tiña un papel rotatorio que lle facía pasar por tódalas partidas. En Guitiriz continuará "unha tempiño", e aí compaxinará a profesión coa súa outra paixón, o fútbol, pero sempre coa vista posta en "viaxar fóra de España a todos cantos sitios poida", conclúe.

Comentarios