Martes. 20.11.2018 |
El tiempo
Martes. 20.11.2018
El tiempo

Nacho Castaño: "Vivín o papel de Portabales con moita ilusión. Participar en 'Fariña' foi un agasallo" 

Nacho Castaño, caracterizado de Portabales en 'Fariña'. JAIME OLMEDO
Nacho Castaño, caracterizado de Portabales en 'Fariña'. JAIME OLMEDO

Vive da interpretación, de meterse na pel doutro, unha vocación que xa descubriu nos seus anos de escola en Vilalba. Nacho Castaño, que suma unha dilatada carreira profesional, participou en innumerables ficcións, na pequena e na gran pantalla. Un dos seus últimos papeis foi converterse nunha das pezas claves contra o narcotráfico en Galicia

Unha cara coñecida na pequena pantalla, pasou por Mareas vivas, Platos combinados, Urxencia cero, Fariña ou Viradeira. Afincado en Santiago dende hai 32 anos e natural de Vilagarcía de Arousa, Nacho Castaño viviu a súa infancia en Vilalba. 

Que momento atravesa a ficción en galego?
A ficción en Galicia atravesa un bo momento porque hai producións de cadeas estatais que se están gravando aquí con moito equipo galego tanto artístico como técnico. A ficción en galego tampouco está mal grazas a que temos á TVG e series no noso idioma. E nos cines puidemos desfrutar este ano dalgunha peli en galego, como Dhogs, e antes doutras como A Esmorga. É moi importante que se faga tamén cine no noso idioma e non só series.

Fariña foi toda unha revolución. Esperaba esa reacción?
Esperaba que lle gustase ao público porque sei o ben que traballa Bambú Producciones e os directores Carlos Sedes e Jorge Torregrosa e cando coñecín parte do reparto do cásting que fixo Conchi Iglesias intuía que sería un produto moi bo. A reacción da crítica non me sorprendeu porque a serie merece ese recoñecemento pero foi unha marabilla ler as críticas positivas por parte dos compañeiros de profesión e da crítica en xeral.

Como viviu o papel de Portabales, un personaxe clave na loita contra o narcotráfico? 
Con moita ilusión. O feito de participar en ‘Fariña’ xa foi un agasallo. Cando souben do proxecto tiña claro que era o que máis me apetecía en canto a series de ficción estatais.

Como se prepara un papel así? 
No caso de Portabales non se buscaba unha recreación a nivel físico porque non hai unha imaxe no espectador medio tan clara del polo feito de ter sido testigo protexido como si a hai doutros. Documenteime todo canto puiden e púxenme nas mans dos directores, confiaba plenamente en que as súas indicacións serían axeitadas para recrear ao personaxe e as súas intensas vivencias na historia.

É un dos chivatos dos narcos. Que lle dicía a xente? Ao final, era bo por contalo ou malo por descubrilos?
Creo que os espectadores se identificaron moito coas dúas partes. Primeiro con algúns dos narcos que parecían ter uns certos principios pero despois tamén cos personaxes que se opuxeron a eles. Atopei de todo e creo que iso é bo.

Contouse todo?
Poderíase contar moito máis do mesmo período afondando na vida dalgúns personaxes da serie e tamén do que pasou a partir do xuízo da Operación Nécora. De feito, o tema segue sendo noticia actualmente.

Naceu en Vilagarcía de Arousa. Coñecía moito xa da historia?
Coñecía bastante, teño visto algún dos narcos e mesmo comido preto deles pero era moi novo daquela. Desgraciadamente vin os estragos que a droga causou en varias xeracións de xente nova e non tan nova de toda a zona.

Tamén fai teatro, cine e dobraxe. Onde se sinte máis cómodo? 
Hai quen diferencia moito entre unhas e outras disciplinas pero a min non me gusta facelo porque todas supoñen interpretar ao fin e ao cabo. Escoitei unha definición que me gustou moito: "Os intérpretes somos como unha mesa. Cantas máis patas teñamos máis ferramentas poderemos utilizar para facer ben o noso traballo". E creo que é así. Aínda que non é o mesmo interpretar en cine que facer unha dobraxe dunha peli, por exemplo, nos dous casos tes que interpretar e cando se empeza a gravar a sensación é similar. Síntome cómodo en todas aínda que o que máis fago é dobraxe.

A súa irmá tamén é actriz. A vocación vén de familia?
Hai tradición tanto por parte da familia de miña nai como pola de meu pai. Meu avó materno, Luis Gómez, traballaba en Radio Arosa e coñeceu á miña avoa materna sobre as táboas, nunha das zarzuelas que dirixiu, sendo unha das cantantes e actrices. Miña nai sempre cantou moi ben, actuou e presentou o programa Rapaces, na TVG, cando apenas había medios nin presuposto. É mestra pero nunca exerceu como tal nin se dedicou á interpretación porque atendeu aos seus cinco fillos e na súa época, aínda que a quixeron levar para Madrid, o meu avó non quixo que marchase. Eran outros tempos. Meu pai estudou piano e tocábao moi ben. Na casa sempre había un momento para a música, el ao piano e ela cantando. 

Qué é o máis duro da profesión?
A pouca estabilidade económica e non saber nunca cando volverás traballar. Un mes tes traballo e ao seguinte podes non telo. E tamén un pouco o feito de non ter nunca un horario fixo. Eu xa me afixen a isto máis ou menos.

E o mellor?
O momento no que actúas e te metes na pel doutra persoa. Aí esquécense todos os inconvintes. E o de non ter un horario fixo tamén fai que poidas desfrutar de tempo libre cando a maioría dos traballadores non poden.

Cal é o reto? 
No profesional, poder seguir vivindo da interpretación, que é o que máis me gusta, e non é doado manterse. No persoal, ser un bo pai para os meus dous cativos e a miña muller.

"Recordo unha infancia marabillosa en Vilalba"
Que recordos garda de Vilalba? 
Unha infancia marabillosa con bos amigos do barrio e moi en contacto coa natureza. Tamén recordo con especial cariño a Celia, que lle axudaba a miña nai na casa.
Foi o seu primeiro escenario?
Foi, si. A miña primeira obra de teatro fíxena na escola de Vilalba e foi dirixida por Antón Castro, un mestre de galego que ademais era un estupendo músico e actor. Facéndoa confirmei o que xa pensaba. Quería ser, sobre todo, actor.
Hai pouco entrevistárono na revista do seu colexio, o Insua Bermúdez, que significou?
Fíxome moita ilusión porque recordo Vilalba e esa escola como un lugar xenial na miña infancia e recordo a revista ‘A Pravia’, teño feito debuxos para ela.
Traballou algunha vez coa súa irmá Cristina. Gústalle ou prefire que cada un leve o seu camiño?
Gustoume cando coincidimos nalgún traballo pero ela marchou para Madrid moi nova e non temos coincidido moito traballando. Eu sempre preferín estar aquí porque teño a dobraxe, que me encanta, e agora tamén unha familia. Non cambiaría Galicia por nada aínda que non descarto saír en momentos puntuais para traballar.
Un soño por cumprir?
Que se cumpran os dos meus fillos, os meus xa se están cumprindo traballando no que me gusta e véndoos medrar con saúde.

 

Nacho Castaño: "Vivín o papel de Portabales con moita ilusión....
Comentarios