Como é o nacemento dunha boina

A escola de Cirio acolle o obradoiro de feltrado de la, para o que se precisa "moita paciencia e moita enerxía", e que organiza Chimchiribote e imparte Sara Seijas da Chintofanería
Boinas que están realizando os participantes. S.IGLESIA
photo_camera Boinas que están realizando os participantes. S.IGLESIA

Auga quente, xabón, paciencia e enerxía son os ingredientes que precisa o feltrado da la, un proceso que caeu no esquecemento e que se está a recuperar dende a vella escola de Cirio, en Pol. "A la merece que se lle dea outra oportunidade polas inmensas propiedades que ten", asegura Sara Seijas, da Chintofanería, encargada de impartir o obradoiro sobre a técnica do feltrado que organiza Chimchiribote, e que tamén numera a cantidade de aplicacións que ten este material. "Como é illante, emprégase na roupa de montaña ou nas propias casas, pero tamén en zapatillas, bolsos, roupa, gorros e todo canto se poida imaxinar", apunta.

"Para ser o primeiro obradoiro pensamos en elaborar algo útil e motivador, como é a boina", segue contanto Sara mentres examina, un por un, os traballos que os nove participantes están levando a cabo na segunda sesión do curso. Uns con la meiriña, outros con la de aquí. Unhas boinas con flores, outras con espirais e outras con pequenos lunares en relevo, pero todas co toque persoal de quen as confeccionou.

O feltrado realízase colocando a la en capas para que colla firmeza, mollándoa con auga e xabón e abatanándoa

Pero para chegar á parte da ornamentación, o primeiro de todo é "ter a la cardada" e un proxecto definido coas medidas axeitadas "tendo en conta a reducción que sofre a la". Como o feltro é un "tecido non tecido, sen trama nin urdime", vanse colocando os anacos de la en distintas posicións e en capas, para que tome consistencia. É aquí onde se decora co deseño que cadaquén queira.

E aparece en escena o xabón e a auga quente, coa que se vai mollando e "acariciando" a la, para non desfacer o traballo previo. Pero cando xa ten a suficiente firmeza, é o momento de abatanala "como facían os muíños de batán". É dicir, golpear a la para que vaia encollendo de xeito controlado e, por último, déixase secar sobre unha superficie horizontal.

O proceso, que unha vez "pillado o truco" pode levar unhas catro horas, está sendo todo un descubrimento para os asistentes ao obradoiro, quen lamentan que a la sexa tratada como un residuo nas granxas. Así mesmo, aseguran que volverán a elaborar pezas con feltro así que rematen as clases o día 19, porque "tamén está servindo de terapia", conclúen.

Comentarios