Un nacemento de cifras récord en Begonte

O belén electrónico despediu un ano máis o Nadal na comarca chairega mantendo a ilusión do primeiro día e coa celebración do seu 50 aniversario no horizonte

Clausura do Nadal en Begonte. M.MANCEBO
photo_camera Clausura do Nadal en Begonte. M.MANCEBO

A Chaira dixo adeus ao Nadal coa clausura do tradicional belén electrónico de Begonte, un nacemento que está a piques de cumprir medio século de vida, pero que mantén a mesma ilusión do primeiro día e segue colleitando "cifras de récord".

Así o confirmou Jesús Domínguez Guizán, irmán do fundador e actual responsable, quen asegurou que nos dous meses que estivo aberto chegaron visitantes "dende A Gudiña ata Fisterra, pasando por Pontevedra ou Vigo e o norte de Asturias".

O párroco alabou no seu discurso as bondades dun belén que "non só transmite valores relixiosos", dixo, senón tamén "culturais e humanos, que nos axudan a reflexionar na nosa vida".

Valores que espera e desexa que continúen perdurando no tempo, "que non se esmorezan e sigan crecendo", pediu tamén o alcalde de Begonte, José Ulla, anunciando que a vista de todos está xa posta no 50 aniversario que coincidirá, ademais, "en ano Xacobeo".

A clausura, que un ano máis se celebrou no centro cultural José Domínguez Guizán, acolleu tamén a entrega de galardóns dos distintos certames que se celebran ao abeiro do nacemento

"Conseguimos o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia, o que nos deu un pulo importante, e agora, co medio século á vista, temos que traballar arreo para que o recoñecemento sexa tamén Nacional", indicou o rexedor, recalcando que a Xunta xa amosou o seu compromiso de colaborar.

De feito, para a tan esperada efeméride -que será en 2021-, Ulla indicou que sería interesante que "o belén non fose algo estacional", senón que os visitantes tivesen a ocasión de poder acudir a el "durante todo o ano".

Unha idea que tamén saudou a delegada territorial de cultura da Xunta en Lugo, María Xosé Gómez, quen destacou que o belén begontés "mantén vivo o espírito do Nadal, o valor da familia, da unión e o calor. Alongalo no tempo sempre é positivo", dixo.

A clausura, que un ano máis se celebrou no centro cultural José Domínguez Guizán, acolleu tamén a entrega de galardóns dos distintos certames que se celebran ao abeiro do nacemento.

Subíronse emocionados ao escenario algúns dos escolares premiados no concurso de debuxo, así como Manuel Ángel Carreira, Eduardo Baamonde e Manuel Carballeira, recoñecidos no Certame Galego de Arte.

En xornalismo, o primeiro premio recaeu en Pablo Núñez e o segundo foi para Beatriz Valcárcel Gómez. Os que repetiron éxito foron Xosé Otero Canto e Laura López, así como o pai desta última, Carlos López, que ademais do premio da súa filla recolleu unha mención especial en poesía.

Comentarios