Nace en Abadín unha asociación xuvenil, cultural e deportiva

A directiva da Rumboia, conformada por seis rapaces, pretende impulsar a oferta de actividades para xente de todas as idades
Asociación Abadín
photo_camera Asociación A Rumboia, de Abadín. EP

Seis rapaces de Abadín acaban de poñer en marcha A Rumboia, unha nova asociación xuvenil, cultural e deportiva que nace coa idea de dinamizar o concello chairego e impulsar a oferta de actividades dirixidas a xente de todas as idades.

"‘A Rumboia é unha canción que musicou A Quenlla e que sempre que nos xuntabamos fóra de Abadín cantabamos. Era algo que nos representaba fóra e por iso collimos ese nome", di Antonio Cendán, o presidente deste novo colectivo no que comparte directiva con Iván Barro (vicepresidente), Pablo Díaz (secretario), Álvaro Regueira (tesoureiro) e Iván Seco e Diego Barro (vogais).

"A idea de crear a asociación nace o verán pasado, axudados pola situación na que estamos e debido á falta de oferta e de promoción das actividades que se facían no concello", explica Cendán, que indica que o colectivo, que xa está presente en Facebook e Instagram, está á espera de recibir o CIF para iniciar a súa actividade.

Financiaranse a través das aportacións dos socios, que terán unha cuota dun euro ao mes, e esperan recibir algunha axuda. "Reunímonos co Concello e estiveron moi receptivos", indican, mentres aseguran que o seu obxectivo é "facer cousas pequenas, adaptadas ao noso patrimonio, pero apostar por facer actividades aquí".

Entre as súas ideas, barallan abrir a súa programación coa realización dun mural en Abadín. No ámbito deportivo, apostarán por facer rutas de sendeirismo e marcha nórdica ou un torneo de pádel. No ámbito cultural, unha das ideas é promover, en colaboración coa biblioteca, clubs de lectura para nenos e para adultos.

"As actividades non só serán para os socios, queremos abrilas a todo o mundo", din dende a directiva e lanzan outras propostas como facer algunha charla aproveitando a feira de Gontán ou xornadas interxeracionais entre os máis pequenos e os maiores do centro de día.

Comentarios