Na procura dunha pega

Luis de Fabete expón máis dunha trintena de imaxes da natureza e do patrimonio dos Vilares na biblioteca de Xermade, unha mostra á que confía en poder engadir novas capturas, coma a deste esquivo paxaro voando

José Luis Teijido. EP
photo_camera José Luis Teijido. EP

"De fotógrafo teño pouco", confesa o vilarego José Luis Teijido, coñecido como Luis de Fabete. Mais a humildade de quen se define coma un simple afeccionado non evita que atesoure un arquivo con "miles e miles de fotos", unha selección das cales pode verse na biblioteca pública municipal de Xermade.

Baixo o título VilarExpo e estreada na Casa Habanera de Guitiriz en 2017, a mostra promovida pola asociación Lareira de Soños recolle máis dunha trintena de imaxes "da fauna, sobre todo aves, da natureza e do patrimonio", resume o seu autor, que tamén cedeu moitas das súas fotos para ilustrar o libro que Pastora Veres prepara sobre a parroquia dos Vilares.

A xubilación, logo de moitos anos traballando no mundo da electrónica e no mantemento dunha empresa local, chegáballe a Luis hai case cinco anos, e con ela tamén o tempo para dedicarllo á súa gran afección, inmortalizar momentos e recunchos a través do seu obxectivo.

O fotógrafo afeccionado colabora cun libro sobre a parroquia dos Vilares e comparte as súas imaxes nas redes sociais 

"Gústame ver e coñecer sitios e por suposto, saco fotos, especialmente da natureza", precisa este fotógrafo vilarego, que non só se para nos detalles dos paxaros, das bolboretas ou dos penedos, senón que cando pode tamén aproveita para gravar vídeos de momentos únicos. "Teño un nos Vilares, gravado ao pé da miña casa, dunha cegoña que andaba aos grilos e cazou unha toupa", conta Luis, transmitindo na voz toda a emoción que sentiu nese instante, a mesma que cando puido recoller "un ourizo cacho camiñando, porque xa é difícil velos, e andando moitísimo máis, xa que en canto senten alguén, páranse e enróscanse".

E cada nova captura conseguida leva a un novo reto, esas fotos que lle gustaría sacar e aínda non conseguiu. "Hai moitas ás que lle teño ganas, coma conseguir unha do lobo, gustaríame velo e podelo capturar, e tamén á que lle chamamos pega cocha, voando, porque daría unha foto preciosa, pero collela xusto no punto é moi difícil, teño moitas aves, pero esa aínda non".

Seguirao tentando e, mentres agarda a ese instante irrepetible, irá retratando outros moitos, que seguirá a compartir con quen queira velos, agora en Xermade e sempre nas súas redes sociais. 

Comentarios