Na onda dos Falconciños

Os escolares do Ceip Ramón Falcón de Castro de Rei fixéronlles unha entrevista ao delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e ao alcalde, Francisco Balado, no laboratorio de radio do centro
Entrevista radiofónica a Balseiro e Balado no Ceip Ramón Falcón. C.PÉREZ
photo_camera Entrevista radiofónica a Balseiro e Balado no Ceip Ramón Falcón. C.PÉREZ

A radio dos Falconciños de Castro de Rei fíxolle un oco á política cun programa especial que contou coa participación do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e do alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado.

Con Jorge e Daniel no control, Mara e Uxía puxéronse tras os micrófonos para coñecer un pouco máis da traxectoria dos dous entrevistados. Así, interesáronse polo tempo que levan desempeñando as súas funcións, a súa traxectoria política ou nos pormenores do seu traballo.

Balseiro explicou que levaba uns tres anos e medio no actual posto, aínda que os seus inicios en política se remontan xa ao ano 1995 en Cervo, mentres que Balado precisou que é alcalde de Castro de Rei dende 2015 e que foi en 2007 cando lle propuxeron ir nunha lista por primeira vez.

"Solucionar problemas" e "loitar para que esta provincia siga tendo mellores servizos" son os cometidos que máis lle gustan ao responsable autonómico do seu quefacer diario, do que Balado destaca o "gratificante" que lle resulta manter unha relación directa e tratar a diario cos veciños.

E tratándose dunha radio escolar, non podían faltar os recordos de infancia. O rexedor recordaba estudar na escola que había na Carballeira de Castro, que hoxe é local social e tamén foi biblioteca, antes de pasar polo Veleiro Docampo, o Masculino en Lugo e a Facultade de Dereito da Coruña. E Balseiro, que estudou no Valadouro, relataba algunha anécdota, coma as molleiras que collían ao caer de cando en vez ao río que había ao lado da unitaria á que ía antes de estudar no grupo escolar  de Ferreira do Valadouro e no IES de Mondoñedo.

As pequenas entrevistadoras tamén se interesaron pola impresión que ambos político levaban da súa visita ao centro, feita para conmemorar o Día Mundial da Radio. E aí o delegado da Xunta, que acudía a Castro de Rei a petición do alcalde, para coñecer in situ as necesidades do centro, manifestou o seu compromiso de traballar para que se poidan arranxar as ventás e pintar o exterior dun colexio "bonito e acolledor".

O Ceip Ramón Falcón incorporouse ao programa Radio na Biblio, promovido pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación o curso pasado e este ano repite experiencia. O obxectivo desta proposta é que o alumnado deseñe diferentes tipos de programas, como monográficos, entrevistas etc, que lles serven aos aprendices de xornalista para familiarizarse coas técnicas radiofónicas e para  realizar e publicar gravacións.

Comentarios