Na cúspide nupcial

Vilalba entra de cheo nos Wedding Awards 2023 de Bodas.net con tres galardóns, en banquete, música e organización
Xardín de cerimonias de Attica 21; Miriam de Atelier de Yaiza e Cosme de Eventec. D.CENDÁN / EP
photo_camera Xardín de cerimonias de Attica 21; Miriam de Atelier de Yaiza e Cosme de Eventec. D.CENDÁN / EP

Cando alguén pensa nunha celebración especial, que é o primeiro que vén á cabeza? Unha voda adoita ser a reposta habitual, primeiramente, pola emotividade e polo gran significado do que é, para moitos, a culminación do amor verdadeiro, e despois, por ser un dos eventos máis traballados.

E é nese momento dos preparativos cando ter todo ben planificado e coidar que non saia mal nin o máis mínimo detalle se volve primordial. E Vilalba, nos últimos Wedding Awards de Bodas.net, tivo tres empresas premiadas polas súas boas opinións, e, por conseguinte, polo contentas que acabaron as parellas trala voda.

Os tres galardoados foron, na categoría de organización, e máis en concreto pola oficialización de cerimonias, Atelier de Yaiza; na de banquetes, o Hotel Spa Attica 21 Vilalba; e por último, na de música, Eventec.

Os tres repetían un premio que xa obtiveran o ano anterior. Ademais, no caso de Eventec, é a súa oitava distinción, a sétima seguida, e no de Attica 21 Vilalba xa van pola quinta consecutiva.

Os tres coinciden en que é todo un orgullo recibilo, sobre todo polo engadido de que está baseado na experiencia das parellas que gozan dos servizos, o que á vez confirma a calidade do servizo ofrecido.

E como se dunha voda se tratase, o primeiro paso sería oficiar a  cerimonia. Atelier de Yaiza caracterízase por dar este servizo "no lugar do banquete nas vodas polo civil, de maneira simbólica, para que así todos os invitados poidan ser parte dese momento tan bonito", expón Miriam Basanta, propietaria da firma e encargada tamén de oficiar os enlaces.

Para ela, o máis importante do premio é o ver "que as persoas que recorren a min acaban contentas co resultado e me recomendan nunha páxina de referencia como Bodas.net, xa que iso significa que fixen ben o meu traballo".

Tralo acto de unión, o seguinte paso é o banquete, para así compartir unha agradable comida con todas as persoas que se elixen para acompañar e gozar dun día tan especial e inesquecible.

Aquí, o Hotel Spa Attica 21 Vilalba fíxose co galardón cunha filosofía onde "o coidado dos detalles e o trato cos clientes é primordial, tendo, de maio a outubro, só unha voda cada fin de semana para poder dar unha atención óptima, chegando a ter entre 15 e 20 banquetes cada ano", apunta Bruno García, director do hotel.

"O noso servizo caracterízase por ser 360 graos, constando de cerimonia, aperitivo nos xardíns, convite, aloxamento para os invitados e suite nupcial para os noivos, almorzo o día seguinte e spa", explica o director, que di que fan vodas tanto de xente da contorna como de persoas de fóra, grazas ao servizo de aloxamento, e que valora moito o premio debido a que as opinións positivas son "sempre unha moi boa nova".

Xa de cara a poñerlle o punto final á celebración, a música adoita ser a máxima protagonista. E aí, a empresa vilalbesa Eventec tamén obtivo o seu recoñecemento. "As vodas son os eventos que máis facemos nun ano, é unha época que nos gusta moito e na que non paramos nin unha soa fin de semana", apunta Cosme Folgueira, responsable de la oficina y DJ en vodas y eventos.

"As vodas cambiaron moito co paso do tempo e agora a nosa profesión é a máis demandada para estas celebracións, onde a día de hoxe estamos presentes xa dende a cerimonia, poñendo a música, por exemplo, de cando saen os noivos", explica, á vez que admite que "é todo un orgullo recibir este recoñecemento".

Vilalba eríxese así, un ano máis, como sinónimo de calidade no panorama nupcial, ofrecendo todos os servizos coa garantía que outorga ter empresas que contan cun galardón como estes Wedding Awards, e sendo tamén así un bo destino para celebrar un evento tan especial.

Comentarios