Música na Praza: Escaparate sonoro a ceo aberto

A terceira edición do ciclo de concerto ao aire libre de Vilalba, organizada polo Concello coa colaboración do Conservatorio Profesional de Música de Vilalba e o Centro Cultural e Recreativo despídese o día 17 de agosto logo de sementar melodías todas as fins de seman, dende comezos de xuño, a través de preto dunha trintena de actuacións.
Corredores de Sombra. C.PÉREZ
photo_camera Corredores de Sombra. C.PÉREZ

Tres edicións, tres veráns, o triple de concertos e infinitas notas interpretadas, escoitadas e sentidas. O Ciclo de Música na Praza de Vilalba completa neste mes de agosto a súa terceira convocatoria con récord de participantes e de actuacións mais sen mudar o espírito dos inicios: ser un escaparate para os músicos locais e dinamizar a vila. 

"Queriamos crear un escaparate para os músicos do conservatorio e da banda, crear grupos e dar a coñecer á xente de Vilalba e aos visitantes o traballo de todo o ano e tamén sacar a música ao exterior" lembra José Antonio Pita, o exconcelleiro de cultura que puxo a andar a iniciativa conxuntamente coa Asociación Cultural Banda de Música Vilalba e o Conservatorio Profesional de Música de Vilalba.

José Antonio Pita: "É unha boa iniciativa cultural, a través da que se crearon moitos grupos, é un éxito"

"É unha boa iniciativa cultural, a través da que se crearon moitos grupos, é un éxito" precisa Pita, "orgulloso" de tela levado a cabo. Un sentimento que comparten as súas sucesoras no cargo, Cheri Grandío e Vanesa Siso.

"Dáselle alegría ao pobo e unha oportunidade aos pequenos grupos que xorden do conservatorio", asegura Cheri Grandío, destacando tamén o factor dinamizador e o atractivo que supón para veciños, visitantes ou peregrinos esta aposta por sacar os sons á rúa, sen esquecer que serve para "dar a coñecer as iniciativas da xente nova".

Cheri Grandío: "Dáselle alegría ao pobo e unha oportunidade aos pequenos grupos que xorden do conservatorio" 

"Este ano temos unha programación do máis variada, desde jazz ou percusión electrónica ata clásica ou mesmo tradicional", apunta Siso sobre a edición de 2019, que culminará o día 17. "Moitos dos grupos de Vilalba participan neste proxecto, que intenta achegar a música a todo tipo de públicos", engade, contenta de que a veciñanza se amose "cada vez máis receptiva" ao que define coma "unha das principais alternativas de ocio en Vilalba para as fins de semana, ateigando as nosas prazas de melodías tan distintas como persoas conforman este pobo".

A iniciativa débelle o seu nome ao lugar escollido para as actuacións, as cinco prazas de Vilalba: Constitución, Coronel Pena, Santa María, San Xoán e Suso Gayoso —só se usou como escenario o primeiro ano—, nas que en 2017 se fixeron once concertos os venres de xuño, xullo e agosto. Daquela, en caso de choiva, trasladábanse ao Centro Cultural e Recreativo, costume que se mantén grazas ao apoio da entidade ao programa.

Vanesa Siso: "Este ano temos unha programación do máis variada, dende jazz ou percusión electrónica ata clásica ou mesmo tradicional"

Cada edición foi medrando en estilos, número de concertos e días de celebración, xa que tamén se sumaron os sábados e os domingos de feira. E tamén se sumaron grupos de fóra, xa que a proposta esperta interese en toda Galicia. Se en 2018 foron 21 os recitais incluídos no ciclo, nesta terceira son xa 26.

"Para o 2020 igual xa hai oito ou dez grupos que queren vir tocar, xa está chamando xente de distintos puntos de Lugo e doutras provincias", asegura o director do conservatorio vilalbés, Aurelio Chao, outro dos fundadores do ciclo. De feito, lembra que insistiu en que se debía chamar así, ‘primeiro ciclo’, porque estaba seguro de que unha proposta así debía ter continuidade. Dende un primeiro momento tamén tiveron claro que a Banda de Vilalba e a Charanga de Vilalba "tiñan que tocar si ou si", buscando involucrar ás asociacións e aos grupos tradicionais.

"É un orgullo para o pobo, se miramos ao redor, non hai nada parecido, eu non coñezo outro evento destas características" destaca, incidindo na importante función que cumpre o programa, "os músicos o que queremos é tocar e non hai grandes oportunidades, sobre todo para os de clásica", e na "cantidade e calidade" dos intérpretes vilalbeses.

Aurelio Chao: "Para o 2020 igual xa hai oito ou dez grupos que queren vir tocar"

Desa canteira local forma parte Baruk Domínguez, un dos clásicos do ciclo, que neste verán toca en catro concertos con outras tantas formacións que ofrecen propostas completamente diferenciadas —Irmandades do Falo, Corredores de Sombra, a banda e Omaifruk Ensemble—. Un bo exemplo do espírito do ciclo.

O músico vilalbés destaca o alto nivel musical de moitos dos participantes, o agrademecento que amosan os que participan por primeira vez ou a implicación da organización e dos técnicos para que todo saia ben. Factores todos que contribúen a construír "unha iniciativa moi bonita". E aínda que Música na Praza conta cun público fiel, Baruk non pode deixar de animar aos veciños a que acudan aos concertos. 

Baruk Domínguez: "É unha iniciativa moi bonita, con estilos do máis variado e a xente queda contenta"

Esta terceira edición estreábase o pasado 1 de xuño cun acto multitudinario celebrado no auditorio, dadas as súas características. O Festival benéfico a favor da loita contra o cancro da asociación de veciños de Nete abría unha programación que lle permitiu aos vilalbeses gozar, en xuño, da Charanga de Vilalba, BISELa2, os festivais de fin de curso da Esmuvi e do conservatorio, Tandango Dúo, Ensemble de saxofóns, Allan Craft, Cuarteto de clarinetes Galiza e Mitic Espectáculo.

En xullo tocaron o cuarteto de cordas Ethos, Candorka Trío, a Banda de Vilalba, Becerros á Corredoira, Kumbal, o dúo Pravarel, Irmandades do Falo, Hadhietxekos, e a asociación cultural de Andrade. Andrade Ensemble, Corredores de Sombra e a Banda de Música Infantil de Lalín abriron agosto, mes no que restan catro concertos.

Banda de música infantil de Lalín. S.IGLESIA

Axenda
Omaifruk Ensemble 
▶ Venres 9. 20.30 horas. Praza do Coronel Pena. 
Conxunto de guitarras de Vilalba. 
Os Miñotos 
▶ Sábado 10. 22.00 horas. Praza da Constitución. 
Formación de música tradicional.
Pablo del Valle 
▶ Venres 16. 20.30 horas. Praza da Constitución. 
Músico vilalbés que ofrecerá un concerto de percusión e electrónica.
Zoelas
▶ Sábado 17. 22.00 horas. Praza de Santa María.
Grupo de pandereteiras de Antas de Ulla.

Comentarios