Soan os primeiros acordes do mítico tema Thriller de Michael Jackson e pequenos corpos empezan a moverse ao ritmo nos seus asentos e a bater palmas. É o inicio do concerto didáctico que a asociación cultural Escola de Música de Vilalba (Esmuvi) promoveu, por segundo ano e nun formato distinto coa coordinación das concellerías de Cultura e Educación, neste inicio de curso escolar, para dar a coñecer a súa actividade e promover a importancia da música entre o alumnado de oito centros educativos da comarca chairega.
Desta forma, máis de 900 escolares de infantil e de primaria dos cinco colexios vilalbeses —EEI de Vilalba e os Ceip Mato Vizoso, Insua Bermúdez, Monseivane e Terra Chá de Román— e do Ceip Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín, o Ceip de Xermade e o Ceip Antía Cal de Muras repartíronse en dous pases no auditorio, de tres cuartos de hora de música e de coñecementos achegados dunha maneira lúdica e divertida.
"Estamos aquí para aprender cousiñas sobre unha amiga nosa que é a música", afirmou Baruk Domínguez na presentación do concerto, que correu a cargo dunha representación de profesores da Esmuvi e do conservatorio de música local e dos músicos, "pequenos e non tan pequenos", da Minibanda, unha formación que apenas leva un ano de andadura.
Dani Veiga, co clarinete; Esteban Cabana, co saxofón; Adan Gómez, co trombón; Uxía García, coa frauta; Robin Leira, coa batería; e o propio Domínguez, co bombardino, fixeron soar os seus instrumentos para explicar conceptos propios da música, como son as cualidades do son.

Para iso, houbo demostracións para entender que é a intensidade, a duración —o saxofonista fixo a nota máis larga e bateu no segundo concerto, con 34 segundos que todos contaron, o seu propio récord do primeiro pase, que era de 26—, a altura ou que o timbre musical non é o mesmo dos coles para saír ao patio —para iso, tamén se axudaron dos músicos da Minibanda para escoitar e diferenciar o timbre dos distintos instrumentos por familias—.
Tamén se falou dos compoñentes da música. Sobre o ritmo, quedou claro coa axuda da batería e como exemplo do que é a melodía escoitáronse O lago dos cines, A pantera rosa, Bob Esponja, a banda sonora de Harry Potter ou Bajo el mar, de La Sirenita.
Cando houbo que explicar a harmonía entrou en escena a Minibanda, que interpretou A granxa do vello McDonald e Lion sleeps tonight. E incluso houbo tempo para facer unha proba de dirección, e Dani Veiga, director da agrupación, deixoulle a batuta a un dos asistentes en cada pase.
Cambio de formato
A iniciativa da Esmuvi de facer concertos didácticos nos colexios xurdiu o ano pasado, pero naquela ocasión foi un pequeno grupo de músicos a tocar nos centros educativos de Vilalba e nos de Abadín e Muras.
"Uns colexios teñen máis nenos e outros menos e ademais ás veces non contan con instalacións adecuadas para dar un concerto. Aparte de que mover todos os nenos da Minibanda era inviable", explica Dani Veiga sobre as razóns que os levaron a organizar este ano o recital no auditorio.
Nesta nova localización, engade, "é máis cómodo, chegas a un público máis grande e xérase un ambiente colaborativo". "Os nenos implícanse moito e ao final rematamos todos cantando xuntos. A conexión sempre é maior", sinala o director da Minibanda.
Respecto á finalidade desta actividade didáctica e de promoción, asegura que a intención vai máis alá "dunha cuestión comercial, de incrementar matrícula". "O que queremos é que se coñeza o que facemos, o que hai e o que temos, e conectar cun público máis amplo e ensinarlle o que é a música", conclúe Veiga.

E é que a música pode "aprenderse en moitos sitios" e ademais de distintos tipos, segundo recordou Baruk, facendo mención nos estilos que se ensinan no conservatorio, na Esmuvi ou mesmo noutro tipo de agrupacións, como as de música tradicional.
Así, como exemplo, tamén se quixo facer unha pequena viaxe pola historia da música, iniciándoo na clásica da man de Cuadros en una exposición, do compositor ruso Modest Músorgski, e chegando á máis moderna.
E como un círculo perfecto, as mesmas palmas que soaban ao principio volven oírse coa última canción, o tema de moda deste 2023 e que todos saben. Nochentera de Vicco ábrese paso entre o patio de butacas e, no mesmo instante no que comezan a recoñecelo, os nenos cantan a voz en grito e incluso se poñen de pé para bailar. E unha corrente de enerxía percorre todo o espazo, a emoción é máxima e todo remata cun enorme sorriso na cara de todos. E aí reside a maxia da nosa amiga a música.