miércoles. 02.12.2020 |
El tiempo
miércoles. 02.12.2020
El tiempo

"Os museos comarcais e os locais son necesarios para achegar a cultura"

Felipe Arias. AEP
Felipe Arias. AEP
Felipe Arias pechará as xornadas museísticas promovidas polo Iescha, o Concello e o Mupav cunha mesa redonda

O arqueólogo e exdirector do Museo do Castro de Viladonga, Felipe Arias, participa este sábado 21, a partir das 12.00 horas na biblioteca vilalbesa, na mesa redonda que pecha as xornadas museísticas organizadas polo Iescha, o Concello e o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (Mupav).

Que valoración fai da celebración destas xornadas?

Este tipo de xornadas creo que son sempre moi necesarias, porque se abre un debate e unha reflexión sobre temas culturais, o cal nunca sobra. E máis nestes momentos de crise na que os museos tamén a sofren en primeiro plano. É moi oportuno que se xere un debate, nos propios interesados e tamén no público en xeral.

Participará nunha mesa redonda sobre museos e administración local. Cal será a súa achega?

Insistirei na importancia dos museos locais e comarcais, porque en Galicia son moi necesarios este tipo de centros pola dispersión da poboación, para que a cultura estea ao alcance de toda a poboación, no só á das grandes cidades. E igual que non se discute que un Concello manteña unha biblioteca municipal, non se debería discutir que manteña un museo local.

O Mupav ten un peso importante nas xornadas. Como o definiría?

Tiven a fortuna de tratar a José Ramil Soneira e vivín de cerca a creación e os inicios dese museo e como se foi convertendo nunha referencia para as etapas máis antigas da nosa historia, non só polos materiais, senón polo traballo que se fixo e fai alí e a actividade científica que se desenvolve. E é un referente tamén fóra de Galicia. Ramil puxo no mundo o Paleolítico galego, o cal se dicía que non existía porque non había sílex, pero el demostrou que había outros materiais empregados nesa época. Foi o introdutor da arqueoloxía experimental, que hoxe é moi común, en Galicia. A importancia do museo de Vilalba é innegable.

Fun vendo como o Mupav se convertía nun referente fóra de Galicia e tamén a evolución do desleixo do Concello

Que opina da súa situación actual?

Os concellos non asumen que un museo é un servizo de cultura que deben coidar e manter. Son do do padroado e vin a evolución do desleixo do Concello co Mupav e nestes momentos críticos é cando máis apoio necesita. Un museo de arqueoloxía non é un adorno, é historia e unha aportación antropolóxica e social que nos axuda a chegar á actualidade. Esperemos que poidan cambiar as cousas.

Que pasos debería dar a administración local para melloralas?

Prestarlle atención, simplemente, como a outros servizos. Neste caso é un servizo cultural e hai figuras atendelo. Pero o apoio non ten que ser só do Concello, senón tamén da sociedade vilalbesa.

No caso do Mupav, trátase dun ente público con dependencia orgánica do Concello, pero de xestión autónoma. Este modelo é o adecuado?

Existen padroados mixtos, xestións directas de administracións e xestións privadas que funcionan. As figuras poden ser moi variadas, porque cada museo ten as súas circunstancias. Hai que ver cales son as solucións máis adecuadas en cada caso.

Comentou Felipe Senén na xornada inaugural que os museos definen un país. Pode definir a Terra Chá polos seus?

Se queremos medir o grao de cultura dunha sociedade polos museos, bibliotecas e arquivos, pode ser que estes a definan. No caso da Terra Chá, entendida no seu ámbito máis extenso, non é das peores comarcas en canto a disposición de museos e de actividades relacionadas, porque neses centros faise moito labor de investigación e de difusión. E ademais ten varios centros de diversos tipos, como museos de escritores como o de Manuel María, de arqueoloxía, de arte contemporánea con Víctor Corral, etnográficos como o que hai nas Pontes... Esto non quere dicir que estean perfectos, sempre hai cousas mellorables, pero a comarca non é das peores. 

"Os museos comarcais e os locais son necesarios para achegar a...
Comentarios