viernes. 03.12.2021 |
El tiempo
viernes. 03.12.2021
El tiempo

RECUNCHOS A DESCUBRIR

Un museo na rúa para camiñar sen présa

Mural de Lula Goce. C.ARIAS
Mural de Lula Goce. C.ARIAS
Máis de 40 murais emerxen nos muros ponteses a través do proxecto As Pontes EnPezas

Sen plan e con ganas de pasear? O museo a ceo aberto As Pontes EnPezas é unha boa proposta estes días para camiñar sen présa.E hai dúas formas de coñecelo: perderse polas rúas e deixarse sorprender con cada proposta ou levar guía para non deixar detalle —cun móbil é suficiente, coa batería ben cargada, porque hai ‘photocall’ no Bancos dos Bicos e moitas fotos que facer—. Cada un decide como prefire coñecelo, pero o paseo merece a pena.  

Máis de 40 pezas están repartidas polo rueiro pontés. Integradas co ir e vir dos veciños, cheas de cor e maxia, acaparan tódalas miradas. Hai pequenas obras colectivas ou xigantescos murais de autor —recoméndase unha boa parada no camiño para observar tódolos detalles—, obras de simple beleza e outras con moita historia. 

Os muros contan lendas, coma a dos Pitiños de Ouro ou a do nacemento do Eume.

Retratan a persoeiros míticos da historia local, como o cabaleiro García Rodríguez, Xaquín das Herbas, o bandoleiro Toribio ou Carmen da Depuradora e os torneiros.
 

Falan de lugares, como o Camiño dos Arrieiros, de deportes, música, animais...

Pero unha recomendación para os visitantes! Non só hai que mirar para arriba, atentos aos pés, os pasos de peóns teñen sorpresa. 

O lugar 
O museo emerxe polos muros das rúas, dende as máis céntricas ás máis afastadas e ata o encoro da Ribeira. Para non perderse, o Concello editou mapas, e hai versión online: www.enpezas.aspontes.org.
 As obras 
Hai máis de 40 murais repartidos pola localidade. 
Apunte 
O mural de Toribio foi escollido dos mellores do mundo pola plataforma europea Street Art Cities e o Instituto Nacional de Administracións Públicas destácao como exemplo de boas prácticas en innovación social dende a administración pública. 

Un museo na rúa para camiñar sen présa
Comentarios