As cámaras do Museo do Castro de Viladonga descobren un visitante inesperado

Viladonga

A lista de descubrimentos do Castro de Viladonga sumou esta semana un que quedou rexistrado en imaxes, nas tomadas polas cámaras de seguridade do museo. As gravacións deste mércores revelaron a visita inesperada dun cérvido que se paseou ante a mesmísima porta.

"Unha sorte poder desfrutar do noso patrimonio natural!", celebran os responsables do museo, que compartiron as imaxes nas redes.

Unha visita ás redes do museo, en Castro de Rei, permite descubrir aínda máis veciños dos últimos meses, desde unha eiruga ata un manto de azafrán bravo, ademais do seu inxente patrimonio e traballo.

O castro, declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta en 2009, é un completísimo exemplo dos característicos do noroeste. O museo dedícase á interpretación e explicación, e custodia o rico patrimonio que sacaron á luz escavacións.

Comentarios