Muras elixe os seus mellores meles nunha cata con 14 propostas

Algunhas das candidatas no quinto certame están á venda este domingo na feira que se celebra no Viveiró para poñer en valor este produto
Manuel Ferreira e Isabel Goti, na charla antes do inicio da cata do mel. C. ARIAS
photo_camera Manuel Ferreira e Isabel Goti, na charla antes do inicio da cata do mel. C. ARIAS

Nunha tempada difícil, pero na que o mel de montaña "salvou a campaña", Muras elixe os seus mellores bocados doces nunha cata na que se presentaron "tres ou catro" propostas máis que o ano anterior; 14 en total, tal e como explicou Isabel Goti, da Casa do Mel de Goente, e unha das responsables, xunto a Manuel Ferreira, do certame. Pero os gañadores son sorpresa e non se darán a coñecer ata este tarde a partir das 17.30 horas, cando está prevista a entrega de premios.

"Foi unha tempada mala na costa, regular na zona media e a partir dos 400/500 metros para arriba foi onde verdadeiramente estivo o mel", explicou Isabel Goti, que remarcou que "nunca tantos meles monoflorais de brezo houbo", ao tempo que destacou a importancia das catas para a "posta en valor do produto e sobre todo a identificación, para diferencialo dos meles adulterados que están chegando de fóra".

Algúns dos meles que participaron na cata —quizais algún dos premiados— están este domingo á venda na Feira do Mel de Montaña de Muras, con once postos apícolas na carpa montada para a ocasión no Viveiró. Haberá á venda máis de mil quilos de mel de Muras.

"A partir dos 400/500 metros para arriba foi onde verdadeiramente estivo o mel", explica Isabel Goti

"Cada vez vén máis xente e máis apicultores á feira. Muras é un concello apícola por tradición, de toda a vida e hai apicultores en case todas as casas", di, aínda que os recoñecidos como tal pola administración son algo máis dunha trintena. "Cada vez hai máis profesionalización, máis autónomos, máis xente vivindo da apicultura e isto está collendo un rumbo positivo", apunta Isabel Goti.

Ademais da cata, na que participaron a veterinaria Iria Bellas, o enxeñeiro de montes Iago Vilela, a concelleira de turismo das Pontes, Elena López, o xornalista Diego Elías García, o hostaleiro e apicultor Eduardo Sierra, o responsable do supermercado de Muras, Mario González, e a farmacéutica Cristina Martínez xunto á súa filla, este sábado tamén houbo varias charlas sobre apicultura e música co Dúo Venus.

Este domingo, a feira, que arrincou ás 10.00 horas, e está amenizada pola charanga Os Celtas.

Comentarios