Muras amosa as potencialidades do seu ceo con varias propostas

Organizouse un curso de fotografía nocturna no local social e unha acampada familiar na área de autocaravanas do Viveiró
Acampada astronómica en familia, na área de autocaravanas do Viveiró, en Muras. MARCOS LÓPEZ
photo_camera Acampada astronómica en familia, na área de autocaravanas do Viveiró, en Muras. MARCOS LÓPEZ

Dende que Muras recibira o selo Starlight polas espectaculares potencialidades do seu ceo no mes de decembro de 2020 —un recoñecemento que en Galicia só teñen as Illas Cíes e o municipio ourensán de A Veiga—, a localidade chairega apenas tivera a oportunidade de amosarllo ao mundo debido á pandemia. Pero isto mudou radicalmente durante a pasada fin de semana coa promoción de varias iniciativas coa vista posta nas estrelas.

A primeira delas consistiu nun curso teórico-práctico de fotografía nocturna, impartido por Mikel Díaz, e no que os asistentes que se achegaron ata o local social de Muras puideron interiorizar conceptos básicos sobre o planeta, ademais de aprender como hai que prepararse antes de saír da casa e que condicións se deben dar para poder sacar boas fotografías das estrelas. Ademais da teoría, tamén tiveron a oportunidade de probar cunha sesión práctica.

ACAMPADA ASTRONÓMICA MURAS5A esta proposta uniuse outra que repetía no calendario. E é que a área de autocaravanas do Viveiró volveuse a encher de xente, ao redor dunhas 50 persoas —dos que 38 quedaron a durmir—, nun nova edición da acampada astronómica en familia.

A iniciativa incluiu unha charla de Marcos López Alonso sobre telescopios, posta en estación e fotografía astronómica e outra sobre a contemplación dos ceos, a cargo de Paulino Gasalla. Os asistentes, que puideron ver as estrelas moi pouco tempo debido a que o ceo estaba cuberto, tamén desfrutaron dunha proxección. 

"A xente marchou moi contenta", confirmou Marcos López, adiantando que a acampada vaise repetir o día 31 deste mes. "As inscricións abriranse o 16", avanza, recordando ademais que tamén haberá unha xornada formativa de fotografía o 17.

En todas estas actividades de promoción do ceo de Muras participan a sección de astronomía da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a Asociación de Fotografía Ferrolterra e o Concello de Muras.

Comentarios