Un mural de Diego As conmemora os 50 anos do belén de Begonte

A obra, nun céntrico edificio da N-6, retrata un neno co seu avó visitando o nacemento
Diego As traballando no mural de Begonte. C.PÉREZ
photo_camera Diego As traballando no mural de Begonte. C.PÉREZ

En 1972 facía os seus primeiros pases o belén electrónico de Begonte, unha aposta do párroco José Domínguez Guizán e do artífice do movemento das figuras, José Rodríguez Varela, para dinamizar o Nadal no Concello. Cincuenta anos despois, e co título ben merecido de Festa de Interese Turístico Galego concedido, aquel pequeno nacemento mantén vizosa a ilusión coa que xurdía, transmitida de xeración en xeración.

Ese espírito interxeracional é precisamente o que conmemora o mural que está a elaborar o artista lugués Diego As con motivo do cincuentenario do belén. O lateral dun céntrico edificio da Nacional 6 convértese estes días nun gran lenzo que ronda os 100 metros cadrados para o que o creador se inspirou na súa propia infancia.

Diego As traballando no mural de Begonte. C.PÉREZ
Diego As traballando no mural de Begonte. C.PÉREZ

"Al principio pensaba hacer algo más relacionado con el belén y el movimiento, la recreación de alguna figura, pero a última hora se me vino a la cabeza el recuerdo de mi abuelo Ricardo, que nos traía a mis primos y a mí a verlo cuando éramos pequeños", di As sobre unha obra que recolle un avó e o seu neto camiño do belén, que aparece de fondo "dentro de un roto" no propio mural.

"É unha historia bonita, porque o avó de Diego As foi o director de Caixa Rural de Begonte moitos anos e a entidade colaboraba co belén patrocinando o certame de debuxo infantil, polo que participou varias veces en representación da caixa nos actos de clausura e na entrega de premios", lembra Xulio Xiz sobre eses curiosos fíos que vencellan o artista con ese nacemento que agora homenaxea nun mural que xa chamou a atención de veciños e de visitantes dende que o luns comezaba a traballar nel.

"Que chulo!", manifestaba unha veciña que camiñaba pola beirarrúa interesándose polo traballo que se estaba a desenvolver e que contou dende o primeiro momento co visto bo do Concello.

"Viamos importante facer algo así como complemento do belén e a idea que nos presentou o autor pareceunos moi interesante, porque reflicte o que é o belén, a importancia da familia, o seu carácter interxeracional e o feito de que veñen avós, pais, netos... que os que estiveron de pequenos volven de adultos coas súas familias", apunta pola súa banda o alcalde, José Ulla, que confía en que o mural quedará "moi vistoso pola localización, no centro do pobo, así que agardamos que guste".

Diego As, que en breve marchará a Caravaca de la Cruz (Murcia) e Alicante a atender outros compromisos, espera culminar o proxecto nos próximos días, para que estea listo de cara á clausura do belén.

Comentarios