As mulleres da Xuntanza celebran 20 anos de unión e de labor no rural

A entidade organizou unha xornada de confraternidade na Ponte de Outeiro que congregou preto de 200 comensais
                      Directiva da Xuntanza, co alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, e co deputado provincial Pablo Rivera.
photo_camera Directiva da Xuntanza, co alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, e co deputado provincial Pablo Rivera. C.P.

Corría o ano 2003 cando un grupo de mulleres de Castro de Rei apostaron por unirse e crear unha asociación que lles servise de punto de encontro e lles permitise dinamizar tanto o seu día a día como o mundo rural. Vinte anos despois, aquel xermolo que recibía o significativo nome A Xuntanza medrou forte e vizoso, convertido nun referente do asociacionismo chairego e congregando preto de 300 socias de toda a contorna.

Á fronte de todas elas sitúase María José Folgueira Lage, presidenta da entidade dende a súa fundación e cabeza visible dunha directiva da que tamén forman parte Manuela Corbelle, Elsa Castro, Mari Carmen Andión, Amadita Yebra e Ana Canto, socias dende os inicios, e ás que logo se sumaron Mercedes Portela, Clara Grandío e Manuela Rodríguez Díaz.

O traballo de Folgueira ao longo destes anos fíxoa merecedora dun agasallo sorpresa durante os actos conmemorativos do vixésimo aniversario da asociación de mulleres rurais A Xuntanza. As súas compañeiras quixeron agradecerlle así a súa implicación ao longo destes anos para sacar adiante numerosas actividades, coma andainas, comidas, charlas, viaxes ou cursos, dos que se puido ver unha mostra dalgúns traballos feitos no local social da entidade, a antiga escola da Ponte de Outeiro, que A Xuntanza foi arranxando con distintas axudas ao longo destes anos e onde onte se descubría unha placa conmemorativa do aniversario.

"Quero poñer en valor o traballo da asociacións de mulleres, o seu papel é esencial para a supervivencia do noso territorio, sen elas en moitos pobos non hai nin cultura, nin ocio, nin formación", destacaba a presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, Verónica Marcos, lembrando que A Xuntanza leva 15 anos integrada en Fademur.

Tamén o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, agradeceu o intenso labor da asociación durante estas dúas décadas, mentres que o deputado provicial Pablo Rivera Capón, logo de lembrar que "todos somos fillos do rural", aproveitou para honrar todas as mulleres polo Día da Nai, séxano ou non. Alba Sinde, do PSOE, ou Olga García, do BNG, non faltaron aos festexos, aos que tamén asistiron o delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

A xornada conmemorativa contou tamén coa animación musical de Javi e da Banda de Música de Meira, nunha actuación patrocinada por Vicepresidencia da Deputación de Lugo. E por suposto, non faltou o xantar de confraternidade, que congregou preto de 200 comensais. Serviuno Sarredo da Pontenova, mais tamén incluíu unha degustación de produtos de porco celta da man de Fernando Saavedra, criador da Ponte de Outeiro, e no faltaron as sobermesas caseiras de María José.

Comentarios