"O feminismo trátase moito dende unha perspectiva moderna, máis social, e nós quixemos centrarnos no íntimo, de portas para dentro, e facer unha homenaxe a todas as mulleres, e a nós mesmas, ás mulleres que fan que a vida xurda e siga", explica a vilalbesa Alba Sofía Naseiro, unha das catro codirectoras de La huella, un documental que acaban de lanzar ao mundo tras ser seleccionado no festival Alcances de Cádiz e que permite ollar as vidas e os pensamentos de nove mulleres anónimas con vidas normais, que son esas pero poderían ser outras, porque afrontan problemas universais.
La huella, dirixido por Alba Sofía Naseiro xunto a Alejandra Nonell (Barcelona), Sofía Schiavoni (Arxentina) e Irene Herrero del Valle (Bilbao), retrata en pouco máis de 30 minutos a pegada que deixa nas mulleres "unha vida adicada a coidar aos demais", un traballo non remunerado e pouco recoñecido que na maior parte das veces conleva doenzas, fatiga, falta de liberdade...
"Este documental é un traballo de fin de máster -as catro codirectoras cursaban o máster de Documental Creativo na Universidad Autónoma de Barcelona- e xuntámonos coa idea de abordar a economía feminista relacionada cos coidados, pero tendo en conta o eido social e íntimo, e coñecemos un grupo de mulleres no Espai Brotes, en Hospitalet de Llobregat, que tras coidar toda a vida aos demais se reúnen agora para coidarse a si mesmas", explica a directora novel vilalbesa, que indica que un dos motores que as impulsou a facer este documental foi "falar dun tema do que se fala pouco".
E entraron a través da porta que lles abriron estas mulleres. "Brindáronnos a oportunidade de convivir con elas durante meses, asistindo a talleres e a reunións nas que elas desafogaban e se coidaban", explica Alba Sofía Naseiro, que indica que para ela foi "unha honra" participar neste proxecto en clave feminina.
2Coas outras directoras queda unha amizade que espero que dure moitos anos e das mulleres protagonistas aprendín moito, cun papel como dunha figura maternal, porque xa nos sentimos parte dunha familia", indica unha rapaza que continúa formándose e que este curso iniciará outro máster, esta vez de Comunicación e Xornalismo na USC, pero que non rexeita manterse na senda do audiovisual.
"Non son bos tempos para a lírica, pero gustaríame moito continuar, esta foi unha experiencia única, e espero non tardar moito en ter novidades e novos proxectos", expresa a vilalbesa.
Polo de agora o documental La huella, que conta cunha das protagonistas con orixes lucenses, estreouse esta fin de semana de forma online -o prazo para vela remata hoxe- na páxina web de Festhome (www.tv.festhome.com).
"Con motivo do covid a estrea foi online, pero o 2 de outubro estrearase en sala, concretamente no cinema Cineápolis Al-Andalus de Cádiz ás 20.00 horas", indica Alba Sofía Naseiro, que recoñece sentir "moita ilusión". "É o meu primeiro traballo en codirección, fomos un grupo moi unido, que traballamos moi ben e que quixemos, sobre todo, que o resultado lles gustase a elas, ás protagonistas", di, mentres recorda que saen unhas caras, pero poderían ser moitas máis.