Vilalba

Unha muller enfróntase a cinco anos de cárcere por estafar á persoa que coidaba

A acusada trasladaba á vítima presuntamente no seu vehículo a varias sucursais bancarias para retirar, con enganos, diñeiro das súas contas

Unha muller, que responde ás iniciais M.A.G., enfróntase a cinco anos de cárcere por estafar presuntamente, e de maneira continuada, á persoa que coidaba. Segundo o escrito da Fiscalía, a acusada trasladaba supostamente no seu vehículo á vítima, a cal presentaba "alteraciones de la memoria, inteligencia y orientación", a diversas sucursais bancarias para que retirase diñeiro das súas contas.

O fiscal explica nas conclusións provisionais que "mediante engaños y aprovechando su situación de debilidad", convenceuna, dende o 4 de abril ao 2 de setembro de 2016, para que lle entregase unha contía que podería superar os 136.000 euros —durante ese período a muller tería retirado de varias contas as cantidades de 18.575 euros , 29.426,09, 46.078,78, 22.527,54 e 19.550—.

Por estes feitos, que son constitutivos dun delito de estafa continuada, o fiscal pide para M.A.G. unha condena de cinco anos de prisión, á que se sumaría unha pena de multa de doce meses con cota diaria de dez euros, ademais da inhabilitación especial para o exercicio da tutela, curatela, garda ou acollida durante un tempo tamén de cinco anos.

Así mesmo, solicítase que a acusada indemnice á vítima na cantidade que se determine na execución da sentenza, así como que asuma as costas procesais. Este presunto caso de estafa continuada, que procede do Xulgado de Instrucción nº1 de Vilalba, xulgarase o vindeiro martes, día 10, na Audiencia Provincial de Lugo.

Comentarios