Mubagui quere marcar o ritmo: a asociación de músicos renova a súa directiva

A entidade organiza un concerto e unha cea por Santa Icía e convocará un concurso

Integrantes da Banda Municipal de Música de Guitiriz e de Mubagui. C. PÉREZ
photo_camera Integrantes da Banda Municipal de Música de Guitiriz e de Mubagui. C. PÉREZ

Traballar por e para a banda e a escola de música municipais. Nin máis nin menos. Ese é o fin co que nacía en 2013 a asociación de músicos da banda de Guitiriz, Mubagui, e é o obxectivo que teñen os nove integrantes da renovada directiva da entidade.

Abel Riveira, mestre da escola e director da banda, asume a presidencia, con Gabriel Arias como vicepresidente, Sandra Pérez como secretaria e Isabel López Souto como tesoureira. María Vidal, Javier López Veres, Lourdes López Sánchez, Alicia Ventosinos e Beni Seijas exercerán de vogais nos próximos dous anos.

E o traballo para revitalizar a entidade e convertela en parte do día a día da vida guitiricense comezou xa, cun calendario de actividades, ao que se irán sumando propostas, que ten a súa cita máis inmediata este sábado, día 23, co concerto de Santa Icía. Será as 20.00 horas na Casa Habanera e ao remate haberá unha cea de confraternidade no Merendero, á que se pode apuntar quen queira.

A entidade organiza un concerto e unha cea por Santa Icía e convocará un concurso

EoUnha primeira convocatoria á que lle seguirán moitas máis, coma un concurso de carteis, en colaboración co Concello, para promocionar a escola de música, no que poderán participar os escolares guitiricenses menores de doce anos. Haberá tres premios moi musicais: un curso académico na escola gratis, co aluguer do instrumento incluído, para a creación gañadora, un desconto do 50% en ambas cousas para o segundo clasificado e un desconto do 25% en todo para o terceiro.

Como a estética tamén conta, xa están a traballar para renovar os uniformes da banda. "É unha necesidade", aseguran. Igual que o é amosar os progresos en público. Por iso non faltarán os concertos, entre os que esperan incluír un ciclo con formacións convidadas coas que poidan fomentar intercambios musicais, unha Festa da Música con actuacións e comida de confraternidade ou un campamento musical no verán.

"Esperamos compartir a nosa música máis alá do local", din, confiando en poder internacionalizar o "bo ambiente" da "familia" da banda e da escola. "Temos moitas ganas e ilusión, a xente está disposta a traballar para sacar adiante os proxectos", precisan.

E inciden nun aspecto moi básico que, porén, non sempre se ten en conta: "Nós somos músicos, sabemos o que nos gusta, a onde queremos chegar e en que se debería centrar a axuda". E por iso pelexarán, porque non só importa ter recursos, senón tamén saber empregalos.

Comentarios