Sete mozos de todo o país participan no campo de traballo de Viladonga

A tarefa principal dos voluntarios é a limpeza da vexetación e a conservación do castro ► A actividade recuperouse este verán despois de máis dunha década sen organizarse
Traballos de limpeza e mantemento no Castro de Viladonga. EP
photo_camera Traballos de limpeza e mantemento no Castro de Viladonga. EP

O Castro de Viladonga en Castro de Rei recuperou este verán o campo de voluntariado que levaba máis dunha década sen realizarse. Nel participan sete mozos que proveñen de distintos puntos do país e que durante doce días axudan co mantemento do castro.

O campo desenvólvese ata o vindeiro luns e está organizado pola Consellería de Política Social da Xunta e dirixido polos arqueólogos Álvaro Pérez e Diego Torres e pola restauradora Silvia Illanes.

Os participantes alóxanse no Hotel-Restaurante Río Lea en Castro Ribeiras de Lea e dende alí parten cada mañá cara o Castro de Viladonga onde fan, principalmente traballos de limpeza da vexetación que medra arredor das edificacións castrexas, tarefas de consolidación das estruturas con morteiro e pedras e a colocación de cámaras de fototrampeo arredor do castro. "Este é un traballo moi manual e que require moito tempo e paciencia", sinala o arqueólogo Álvaro Pérez.

Os voluntarios proveñen dende distintos puntos do país dispostos a aprender e coñecer un pouco máis da historia antiga de Galicia. Diana, unha moza mexicana afincada en Almería, explicaba que "tenía ganas de conocer el norte porque nunca había estado y este campo me pareció una buena oportunidad tanto para conocer a gente nueva como por el trabajo de arqueología".

De igual xeito, Ana, dende Barcelona, decidiuse por ir a Castro de Rei porque quería participar nun campo vencellado coa arqueoloxía xa que gardaba relación cos seus estudos. "Me pareció una oportunidad para trabajar sobre lo que he estudiado ya que con el covid no pude poner en práctica lo aprendido", explica a moza.

Tamén hai voluntarios que chegan dende outros puntos de Galicia, como é o caso de Alba de Cambados ou Miriam, de Vilalba. Ambas buscaban coñecer xente nova e adquirir novos coñecementos sobre os castros e a súa historia.

Como non todo é traballar, os voluntarios tamén teñen a oportunidade durante os doce días de estancia de coñecer a riqueza natural de Galicia

"Fomentamos a difusión do xacemento e damos unha base de coñecementos necesarios para traballar nun castro", explica Álvaro Pérez. Formación que se complementa con obradoiros como o realizado onte sobre metalurxia coordinado por Árbore. Os participantes tiveron a ocasión de fundir metal para crear un machado cuns moldes de pedra.

Como non todo é traballar, os voluntarios tamén teñen a oportunidade durante os doce días de estancia de coñecer a riqueza natural de Galicia. Durante os primerios días fixeron unha ruta polo río Azúmara e a ruta da auga de Guitiriz e visitaron Cabo Ortegal, San Andrés de Teixido e a Lagoa de Cospeito. Este sábado farán unha actividade de kaiak e o domingo coñecerán a cidade Lugo.

Comentarios