A mostra sobre o traxe festivo da muller aldeá chega este martes á casa do concello de Abadín

Presentación da exposición en Triacastela. ARCHIVO
photo_camera Presentación da exposición en Triacastela. ARCHIVO

A casa consistorial de Abadín será a seguinte parada da mostra O traxe festivo da muller aldeá nas terras de Lugo, organizada polo colectivo Traxandaina e o Grupo El Progreso.

A exposición itinerante, que se enmarca dentro dos actos do Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia, chega a terras chairegas despois de facer escala en Triacastela e en Palas de Rei, onde acadou unha moi boa acollida por parte dos visitantes. O acto inaugural de Abadín será este martes, ás 12.00 horas.

Dende o 16 e ata o 26 deste mes, os veciños deste e doutros municipios da contorna poderán descubrir as vestimentas tradicionais que usaban as mulleres do século XIX en distintos recunchos da provincia. A entrada a mostra, que terá horario de 9.00 a 14.00 horas e estará aberta de luns a venres, será gratuíta.

E de Abadín trasladarase despois a Quiroga, onde estará do 29 de agosto ao 10 de setembro, para volver de novo á comarca da Terra Chá. Así, do 12 ao 24 de setembro, poderá visitarse en Begonte.

Comentarios