AS PONTES

A morte como premio nun río que marca a vida

O Eume, que confirgura a fisonomía da vila dende as súas orixes, ten unha escura lenda que di que cada ano leva unha persoa. É o premio divino que alcanzou ao gañarlle a carreira ao Masmo e ao Landro

O río Eume ao seu paso por As Pontes. CRISTINA ARIAS
photo_camera O río Eume ao seu paso por As Pontes. CRISTINA ARIAS

Poboación
As Pontes suma na actualidade 10.324 veciños, segundo os últimos datos publicados polo Ige. 
Vista atrás 
No século XIV, Enrique II concédelle a vila de Pontes de Ume a García Rodríguez de Valcárcel e, dende aquela, o nome e o señor feudal mantéñense unidos. Pese a que os apelidos cada vez se usan menos, aínda figuran na toponimia oficial. 
Curiosidades
A mina foi descuberta oficialmente en 1790 por José Cornide, pero a súa explotación non comenzou ata 1946 da man de Encaso. Na década dos 70 a propiedade pasou a Endesa, ata 2007 que pechou. A vila mineira deixou de ter mina. 

A HISTORIA DAS PONTES sempre estivo marcada pola auga, ese líquido elemento que configurou a vila e segue a transformala. "Historicamente, entrases por onde entrases, sempre tiñas que atravesar un río e cruzar unha ponte, de aí o seu nome", di José María López Ferro, presidente da Fundación Monte Caxado e enciclopedia viva —recompila refráns ao tempo que fai inventario de hórreos, cruceiros ou xogos—.  

As pontes, moitas e variadas, ben poderían dar para outra desas catalogacións. Elas, fundamentais para o ir e vir das xentes, son pezas da historia (romanas, medievais, contemporáneas, con nome de raíña ou modernistas). Pero historias hai moitas. 

"Antes de que se construíran as pontes sobre o Eume para cruzar había que botar man dunha barca de remos. Máis cando había pouca choiva e o Eume ía baixo tamén era posible vadealo pola Vila, saltando de pedra en pedra. Sobre a corrente pasaban os arrieiros coas súas bestas cargadas, tendo moito tino de non escorregar. Contan que ás veces os trasnos asexaban á beira para tentar impedir o bo paso dos viaxeiros. Alí empregaban as súas mañas para facer que os camiñantes perdesen o equilibrio ao cruzar e fosen para a auga. E cando conseguían que caese, o trasno botábase a el e ameazábao  con afogalo se este, en troques, non lle vendía a súa alma", achega Xosé María López, unhas das voces dun programa da radio local que loita por manter vivas as lendas e o patrimonio oral. 

Pero se hai unha enraizada na cultura popular, presente no imaxinario colectivo de todos dende tempos remotos —recolleuse escrita por primeira vez a principios do século XX— é a lenda do Eume, ese río que nace no Xistral e atravesa Abadín, Xermade, Muras, As Pontes, Monfero e A Capela para fundirse coa auga salgada entre Cabanas e Pontedeume 80 quilómetros despois. 

"En el folclore eumés hay un relato que constituye un unicum en la tradición oral gallega, ya que no se registran paralelos en otras zonas", indica Víctor Alonso Troncoso, un catedrático de Historia Antiga da UDC que fala dun mito fluvial con raíces na tradición celta, alonxado dun conto popular.  
Recollérono Fermín Bouza Brey (1942), Vicente Risco (1962) e antes Francisco Cabo Pastor, médico nas Pontes e fundador das Irmandades da Fala en Ferrol. Tamén Enrique Rivera Rouco, o que foi cronista oficial das Pontes, e saltou á pantalla en 2006, cunha curta realizada polo pontés Roberto Rego, O reflexo da lembranza

"Contaron desde sempre os vellos que cando o Dios Grande fixo os ríos, mandou nacer tres xuntos, na serra d’o Xistral. Anque naceron no mesmo sitio avocounos para distintas ladeiras e prometeulles regalaría cada ano un home ao primeiro que chegara ó mar. Deulles categorías divinas e chamoulles: Eume, o da ladeirade poniente, que debía fertilizar as terras d’as Pontes; Landro, o da ladeira do norte que debía de fertilizar as carballeiras; e Masma o da ladeira do rayante, que debía fertilizar na súa chegada ao mar", comenza a súa transcrición. 

"Recién nacidos acordaron descansar un pouco no camiño; condición que somentes cumpleu o Eume. Ó enterarse da traición dos compañeiros, envalou furioso a súa marcha pol’a Capela e Caaveiro e logrou chegar de primeiro. Por eso todos os anos se afoga unha persoa n’el", conclúe. 

Lonxe da mitoloxía, as súas augas, rápidas por momentos, apacibles noutros, seguen o seu rebulir con aparente calma, configurando a forma da vila. Se primeiro o río obrigou a xente a tender pontes para saltalo, logo foi a xente a que levantou presas na procura do seu aproveitamento —na década dos 60 inaugúranse a do Eume e a Ribeira e moitas aldeas desapareceron con elas—. 

O último gran logro do Eume e da auga foi o lago, co que fixo maxia, e non negra, para cubrir de azul o oco mineiro, ese que deixou atrás máis de 50 lugares —recórdaos a Senda da Memoria—. 
Aínda non ten mitos propios, pese a que moitos xa pensaron en buscarlle un monstro. Din que antes de ser mina e ser val xa foi un espazo lacustre. Cóntao a lenda da cidade de Valverde, asolagada polo vicio e a perversión dos vilegos nun lugar próximo a Carracedo, pero tamén a ciencia. Ao longo das escavacións da mina apareceron fósiles de animais e de vexetais con máis de 20 millóns de anos. Había restos de ras, tamén de crocodilos. 

CO OLLO ABERTO
As Boliqueiras. A fonte foi lugar de peregrinación de xentes atraídas polas súas augas minerais, moi aprezadas para curar a tuberculose e anemias. 
Museo Etnográfico. Lugar de visita obrigada para achegarse ao pasado da vila. 
Escudo único. Na igrexa de San Pedro de Eume consérvase, din algúns, o único escudo do Antigo Reino de Galicia. 
Camiño dos Arrieros. Antigo camiño comercial que comunicaba coa costa. Quedan lendas vivas, como a da Santa Compaña no Freixo. 
CANCIONEIRO
Freixo. Manuel Castro foi durante anos o gaiteiro en activo máis maior de Galicia. 
Foliadas. Os gaiteiros levan máis dunha década organizando foliadas no Lar. Van máis de 100, o último venres de cada mes. 
POR ESCRITO
Historia de Puentes de García Rodríguez. A obra máis importante para coñecer a vila, escrita por Enrique Rivera Rouco. Inclúe costumes, tradición oral e patrimonio. 
Hume. A revista anual é outra das grandes referencias, con moitos traballos e un capítulo reservado á cultura popular. 
Ditos e refráns. José María López Ferro publicou 700 ditos e refráns das Pontes nos Cadernos de Fraseoloxía que edita a Xunta. 
CON MOITO GUSTO
Mantecados. As panaderías cociñan o postre con máis fama coa mesma receita de antano, algunhas dende hai máis dun século. Tamén os polvoróns. 
Grelos. O manxar verde está unido dende 1981 á historia da vila, onde se estreou a primeira feira en Galicia na súa honra. 
PARA SENTIR
Casa encantada. O edificio colonial da Avenida de Lugo estivo rodeado por moitos misterios. Hoxe está tapiado.  
Cemiterio da vila (1958-1924). O epitafio da entrada aínda di: "Cual te ves me vi, cual me ves te verás, trae esto en la memoria y no te condenarás".  Queda algunha lenda sobre o corpo incorrupto que apareceu cando se clausurou o cemiterio. 
Festa da Fraga. Unha romaría centenaria o 25 de xullo, chea de tradición e rituais. 
A Lareira das Mouras ▷ Xosé María López e Lois Gómez presentan un programa na radio local sobre folclore e mitoloxía. 
CANTO CONTO
O rei Bermudo. Din que del vén o nome de Bermui, onde se refuxiou nos castros cando loitaba contra os mouros.  
O baño do Santo. Hai un sartego a carón da ermida de Pontoibo que todo o ano está cheo de auga da choiva. Din que é capaz de curar os males. 
Encantos. No Caxado din que hai unha moura que sae cada San Xoán convertida en galiña de ouro. Preto, na Uceira, hai agochado un xugo de ouro. 
A cheminea. A memoria colectiva garda dende hai décadas que o fume vai para Inglaterra. Lenda urbana?

Comentarios