domingo. 07.03.2021 |
El tiempo
domingo. 07.03.2021
El tiempo

Antonio Durán, 'Morris': "Monstro' é unha proposta moi persoal que non deixa indiferente"

Antonio Duran, Morris. RAÚL TEJEDOR
Antonio Duran, Morris. RAÚL TEJEDOR
É Antón, Delmiro, Varela, Milhomes, Charlín, Borrego, Carrillo... E agora meterase na pel do protagonista da nova película de Andrés Goteira, con quen xa foi o taxista de 'Dhogs'

"Hai cousas que che alimentan a boca e outras que che alimentan o corazón, e se che faltan as segundas, vas jodido", razona ao outro lado do teléfono Antonio Durán Morris en case unha hora de conversa na que repasa a súa traxectoria, os seus proxectos —en breve traballará en Madrid nunha obra co Centro Dramático Nacional e nun proxecto audiovisual—, as súas colaboracións coa meirega Gaitafilmes ou a dicotomía actual do sector audiovisual, onde conviven as grandes produccións e os grandes proxectos das plataformas con eses outros, máis pequenos, que nacen da ilusión de creadores coma Alfonso Zarauza, director de Ons, ou o meirego Andrés Goteira, co que prepara Monstro.

Participou fai pouco na gravación do teaser de ‘Monstro’, que o levou a involucrarse neste proxecto?
O teaser é unha axuda esperemos que definitiva para conseguir o financiamento, gravamos dous días, cun equipo fantástico. Eles empregan as axudas en mellorar o proxecto e traballan moito, con profesionalidade e con ilusión, e eu involucreime dende o primeiro momento no que Andrés me contou a idea. É unha proposta moi persoal del que non te deixa indiferente, difícil de crear, pero moi potente. É unha fábula visual, unha viaxe cara ao interior que ten que ver cos medos, cos que todos levamos dentro e que a min me leva a recordar cousas que escoitaba de pequeno en Ourense.

Coñecíanse de 'Dhogs', que recordo garda desa película?
Cando Andrés e Suso me chamaron, estiven dándolle voltas, porque non os coñecía e tiñan un guión e un proxecto estrañísimos, o meu personaxe non falaba... non entendía moi ben o que pretendían de min. Gravei moi a gusto con eles tres días, pero marchei para a casa pensando... fixeches o que tiñas que facer, xa está. A miña sorpresa foi cando vin o primeiro pase, pareceume un peliculón e entendín a linguaxe de Andrés e o xogo que plantexaba, e iso axudoume a decantarme por Monstro. Ademais, é fácil conectar con Andrés, é un tipo xenial.

"O audiovisual galego está nun momento dourado, con grandes profesionais en todos os campos e produtos artísticos diversos e bos"

Que o leva a sumarse a proxectos así, con directores noveis ou descoñecidos e historias diferentes?
O descoñecido. Para Andrés, este é un guión de risco e para un actor coma min o descoñecido é un aliciente moi importante e tamén se o director, na escrita e persoa, te cautiva. E o desafío. Con Dhogs penseino moito porque non o entendía pero agora gañou moitos puntos porque coñezo e entendo a Andrés. Creo que Monstro é máis sinxelo para os espectadores que Dhogs, que é un xogo estraño, o risco é para os que o contamos, que consigamos enganchalos ou non.

Leva catro décadas de profesión e pasou por moitos personaxes, pero hai algúns que permanecen. Que queda de Antón Santos e de Edelmiro Pereira?
Un cariño tremendo. O éxito dunha serie está en que un equipo saiba convivir e estas foron dúas familias marabillosas. Ademais Santos eran os comezos da televisión e serviume para afianzarme na profesión. Son dous personaxes moi, moi diferentes a min, un nunha comedia de situación e outro nunha de realismo máxico, e os dous esixían unha enerxía que a día de hoxe non sei se tería para interpretalos, estou noutro momento. A comedia é moi, moi difícil e saír vivo dela sen quedar encasillado tamén é difícil. Síntome máis cómodo no drama.

Resulta complicado desfacerse da sombra deses personaxes?
A min non me pasou. Sempre tiven a sorte de facer máis cousas, porque foron caendo películas no medio, pero si que houbo un momento no que me preocupei, porque cando levas tanto tempo nunha serie convérteste un pouco en funcionario e é máis difícil meterlle chispa. A min os máis maiores aínda me recordan por Modesto Ciclón, nun programa de Manolo Rivas no que eu parodiaba ao home do tempo.

Ten algún truco para converterse na persoa a interpretar?
Non. Teño unha máxima, que é estudar ao máximo os textos (con Andrés non, porque non os teño) e na televisión, intentar non repetirme. Imaxino na mente como é, pero non adoito ensaiar nada na casa nin dicilos en alto. O meu método é a falta de método, básoo todo en comunicarme co director e co resto dos actores, saber o que quere montar e xogar con iso ata que o cautives.

E que hai de Morris neles?
Non sabería dicirche. Son eu o que pensa as cousas. Creo que un personaxe é un punto de encontro entre o que alguén escribiu e o que ti lle aportas e habería que preguntarse a onde chega cada un. En Dhogs ou en Monstro aporto máis, póñolles máis corazón, porque son máis cercanos a min, que son máis introvertido, á miña mente, que unha comedia, na que ao mellor poño o 30% e quen a idea, o 70%. Nun guión coma o de Ons eu imaxínome a Morris nese personaxe e a partir de aí traballo co director, noutros teño que facer un debuxo do personaxe para conducilo porque eu son moi distinto.

Participa en 'Alta mar' ou en '30 monedas', que supoñen as novas plataformas para as producións audiovisuais? Cambiaron os hábitos de consumo do público?
Son o futuro, vai haber películas pequenas, que se movan no seu ambiente, pero despois se tes un proxecto grande, necesítalas, e máis co covid, a única garantía de estrear algo é se tes unha plataforma detrás. O consumo xa era grande e coa pandemia aínda máis, xúntase a comodidade de velo coa cantidade da oferta, nelas está todo. É coma unha ficción no mundo real, ata penso en broma se o soltaron elas, porque foi unha lotería que cambiou o mundo da cultura audiovisual, antes falábase de música e agora de series. A día de hoxe a exhibición en salas é case testemuñal.

E aínda así 'Ons' esta a ser un éxito, coa media máis alta de espectadores pese á pouca distribución, doce copias en sete cidades.
A película está moi ben e a ficción en Galicia ten un público moi fiel e solidario. Meterte no cine é complicado e a min sorprendeume ver colas no Salesianos, onde tiñamos un coloquio, e que quedase xente fóra. As plataformas póñenllo máis difícil ao cine, pero a sociedade tamén. Se antes os cines estaban no centro agora tes que ir a un centro comercial, é máis impersoal, pero Galicia ten unha gran cantidade de xente moi orgullosa do seu audiovisual.

E como está de saúde o audiovisual galego?
Creo que está nun momento dourado, con grandes profesionais en todos os campos. Directores, actores de todas as idades, equipos técnicos do mellor... Galicia é respectada en España e no mundo como industria máis do que se pensa na rúa. Ten un selo de calidade. O sector tamén o pasa mal, pero os produtos artísticos son diversos e moi bos. Quizais o que falta é crelo máis e explotalo institucionalmente, porque hoxe Galicia é un plató. En vez de Vivamos como galegos tiñamos que lanzar Rodemos como galegos... Acábaseme de ocorrer, pero é unha boa idea. Seguro que arrasamos.

[Antonio Durán e Andrés Goteira, na gravación do teaser de 'Monstro' en Castro de Ribeiras de Lea. EP]

Antonio Durán e Andrés Goteira, na gravación de 'Monstro'. EP

"Encandílanme os proxectos e a xente neles máis que o medio"
Un actor ou actriz?
Podería dicír moitísimos, pero por cercanía e por cariño, porque era así pequeniño coma min, quedo con alguén que xa non está, Álex Angulo.

Unha película ou serie?
Non me gustan este tipo de preguntas, nunca sei que dicir. No seu momento Blade Runner ou La naranja mecánica, e máis próxima, Familia, un peliculón. E serie, por cariño, Fariña, foi bonito gravala e deume moitas alegrías.

Unha obra teatral?
Quedei enganchado co texto de Calígula de Albert Camus.

Un papel que lle gustaría ter interpretado?
Nunca penso así. Espero que a vida me dea sorpresas, creo que aínda non está escrito.

Cine, teatro ou televisión?
Un actor sae de todas as linguaxes. Hoxe encandílanme os proxectos e a xente que traballa neles máis que o medio.

Vese tras as cámaras?
Non, para nada.

E se lle din Hollywood?
América? É unha zona máis. Ç

De non ser actor sería...
Gustaríame ser músico, ata tiven unha batería, pero sempre se me deu mal. En Vigo sempre houbo moitos máis músicos que actores e tiven moita relación con eles. Casei cunha música e a que foi a miña gran compañeira de vida, Enma Pino, era pianista.

E de pequeno xa quería ser iso, músico?
Non, iso foi xa de adolescente, de pequeno non quería ser nada e despois traballei de todo, ata fixen lápidas.

E como chegou a actuación?
No instituto, cunha profesora de francés. Cando estaba en COU, polas Letras Galegas, repesentamos Os vellos non deben de namorarse. Funcionou moitísimo, empecei no teatro do barrio e funme quedando, porque saía feliz.

Como se sobrevive a esta pandemia, que custo terá?
O custo vai ser moi alto, a sociedade está máis crispada e pagarémolo mentalmente. Non sei como será o futuro dos rapaces, dos meus sobriños, da miña afillada... Non creo o que desta saiamos mellores, imos saír peores, aínda que quizais cunha pouca máis de cultura audiovisual. A min empézame a pasar factura, socializo menos, e ata na nosa profesión se disfruta distinto. É o momento ideal para facer ‘Monstro’, porque é un confinamento con un mesmo.

Antonio Durán, 'Morris': "Monstro' é unha proposta moi persoal que...
Comentarios