martes. 25.02.2020 |
El tiempo
martes. 25.02.2020
El tiempo

Morandeira: "Traballamos para o que vexo primordial, facilitarlle a vida á xente no día a día"

Marisol Morandeira, no seu despacho da alcaldía. C. PÉREZ
Marisol Morandeira, no seu despacho da alcaldía. C. PÉREZ
Ata que en marzo se anunciaba o seu nome como cabeza de lista socialista, era practicamente unha descoñecida en política. Hoxe Marisol Morandeira goberna en Guitiriz con maioría absoluta e a "ilusión" de axudar os veciños.

Hai 30 anos, Marisol Morandeira aprobou as oposicións e dende entón asumiu distintas responsabilidades no Instituto Nacional de la Seguridad Social, ata que hai uns meses deixaba o seu negociado en Lugo e se embarcaba nunha aventura completamente distinta, gobernar o concello que elixiu como fogar hai 25 anos. Logo de oito meses e cos 53 anos acabados de cumprir, asegura estar "moi ocupada, pero moi contenta de traballar por Guitiriz".

Ése alcalde as 24 horas?

É realmente así. Si que hai quen te chama en calquera momento e ademais danse as circunstancias de que vivo no centro da vila e de que o meu teléfono particular xa o tiña practicamente todo o mundo, así que non me sorprende e normalmente non me importa nin que me chamen nin que me paren para facerme consultas, ás veces ata sobre a Seguridade Social. O que pasa é que se non teño onde anotar, voume esquecer seguro, así que sempre lles digo que pasen polo Concello.

Cantas horas pasa na oficina?

Depende. Veño pola mañá sobre as 8.30 e estou ata as 15.00 horas, salvo que teña que facer algunha visita. E pola tarde varía, normalmente tamén veño. O bo é que podemos traballar dende a casa ao estar todo informatizado, porque no despacho, ao recibir á xente, non queda moito tempo para o traballo administrativo.

Como personalizou o despacho?

Non trouxen case nada, porque imos facer unha reforma. Só unha rosa vermella que me regalou un familiar, militante irredento do PSOE, e un soporte de calendario que leva anos comigo. Ten por debaixo unha pegatina co meu nome e foime acompañando sempre que cambiei de sitio.

No despacho só teño unha rosa vermella que me regalou un familiar e un soporte de calendario que leva anos comigo

Que é o mellor e o peor?

O mellor, o trato coa xente, é o que máis me gusta da alcaldía, e o que me resulta máis engorroso, aínda que poida parecer raro porque son funcionaria, é o tema administrativo.

E as críticas? Le o que se publica sobre vostede?

O que se publica sobre o concello procuro lelo, sobre min non, aínda que normalmente me chega por compañeiros de fóra. E de momento as críticas lévoas ben. Sei que as vou ter, porque é imposible ter sempre contento a todo o mundo, pero considero que hai que respectalas e acatalas, sobre todo se teñen un espírito construtivo. Eu síntome ben tratada polos veciños, pola oposición e polos traballadores municipais, aos que lles transmito o meu agradecemento, porque pese a todos os conflitos que arrastramos, só podo dicir que estou encantada con eles. Facilitan moito as cousas.

Tamén escolleu persoalmente a súa lista, con moitas novidades.

Si, hai dúas persoas que xa tiñan experiencia con Regina Polín, pero o resto son novos en política. A todos lles teño que agradecer a súa implicación, a ilusión e as ganas de traballar, porque todos teñen outras responsabilidades e, aínda que teñan unha compensación económica, non cobre as horas que lle dedican ao Concello. Podo chamalos en calquera momento e sempre responden.

Que foi o que máis a sorprendeu?

A burocracia, e iso que levo 30 anos de funcionaria, pero nunca imaxinei que a administración local puidese ter tanta e que fose todo tan complicado. É algo que habería que cambiar, porque non pode ser que a administración máis próxima ao cidadán teña que depender para todo das outras, sen fondos propios. Os veciños non van chamar á porta do Congreso, veñen aquí, polo que teriamos que poder responder con máis axilidade e ter máis capacidade de decisión.

Nunca imaxinei que a administración local puidese ter tanta burocracia e que fose todo tan complicado

Coñece todo o concello?

Cando fixen a campaña visitei moitas parroquias enteiras e outras xa as coñecía por razóns persoais. A que teño máis pendente é Pígara, porque é moi extensa e xeograficamente é a que menos contacto ten co concello, pero teño un representante alí que me ten informada e xa fun varias veces ver cousas que hai que facer. Visitalas é algo que hai que coidar, a xente agradece que vaias.

Que balance fai destes meses?

A nivel persoal é positivo. Ao empezar tiña algo de medo, pensas ‘en que me metín?’, porque a responsabilidade abruma pola confianza que depositan en ti os veciños, pero aínda que nos falta rodaxe e experiencia, traballamos con ganas e ilusión para o que considero primordial, facilitarlle a vida á xente no seu día a día. E neste 2020 esperamos encamiñar varios proxectos.

Cales serían os prioritarios?

O PXOM, a Casa da Botica, o SAF, a auga, as estradas... Tamén queremos crear un espazo cuberto para a práctica deportiva e sobre todo o que me preocupa é a escola infantil, porque pese ao compromiso da Xunta, aínda non se fixo nada. Guitiriz non cumpre a ratio de 30% de prazas públicas ou privadas. Hai 20 no PAI e temos uns 120 nenos de cero a tres anos.

A que tivo que renunciar?

O que máis me doe é o tempo que lle resto á familia. Eles son os grandes prexudicados desta aventura miña, porque eu era moito de pasar o meu tempo libre con eles e agora xa non podo. Miña nai está apenada, porque me ve moi ocupada. O resto, non me preocupa.

Moi persoal ► "Se estou soa sempre teño a radio posta"
Un é de onde nace ou de onde pace?
Nacín na Coruña, pero sempre me sentín de Miraz, de onde é miña nai. E considérome de Guitiriz. Hai 25 anos escollino para vivir, unha decisión persoal miña, e tiven os meus fillos aquí. Iso é especial.

O lugar favorito de Guitiriz?
A finca do balneario paréceme un lugar extraordinario.

E para perderse escollería...
A Ruta da Auga é perfecta.

Gústalle camiñar?
É unha das miñas afeccións xunto con ler, pero son cousas que non fago nada ultimamente.

Que ruta lle gustaría facer?
Non fixen nunca o Camiño de Santiago e gustaríame facelo.

Ten un libro favorito?
Cien años de soledad. Impactoume cando o lin e volvino ler varias veces.

Películas ou series?
As dúas, pero as series gústanme moito, sobre todo as de tramas médicas, aínda que nunca pensei en estudar nada diso. E son moito de radio, a miña xeración criouse con ela e se estou soa sempre a teño posta, normalmente na Ser.

Un agasallo?
Os Reis trouxéronme o disco dos 40 anos de Pardiñas.

Algo que leve sempre?
O móbil é obrigado, acompáñame sempre, e unha axenda para anotalo todo, porque senón esquézome.

Morandeira: "Traballamos para o que vexo primordial, facilitarlle a...
Comentarios