domingo. 05.07.2020 |
El tiempo
domingo. 05.07.2020
El tiempo

Montar unha historia

Iria Silvosa. EP
Iria Silvosa. EP
A vilalbesa Iria Silvosa presenta este sábado na Invernada de Cine de Cabreiros a peza audiovisual 'A loba', ideada para este ciclo

"A premisa era gravar en Cabreiros", conta a directora e montadora vilalbesa Iria Silvosa, a piques de estrear na Invernada de Cine desta parroquia xermadesa a curtametraxe experimental A loba, creada especificamente para este ciclo audiovisual.

"Este ano querían invitar a unha directora para crear unha peza", explica Silvosa, que na súa busca de información "sobre o espazo" chegou ao Mesón de Pepa a Loba, unha antiga vivenda ao pé do Camiño Real de Mondoñedo a Ferrol na que a lenda conta que se refuxiou a famosa bandoleira.

"Fun buscar a casa e ao final decanteime por traballar ao redor dunha escena do lobo do libro de Carlos G. Reigosa", precisa a directora que se lanzou, literalmente, ao monte, para gravar en sitios naturais destacados, coma a neveira, a Ruta do Trimaz, a Charca de Candamil ou o lugar dos Foxos, onde antigamente se cazaba o lobo.

"A curta é totalmente ficticia, é unha interpretación moi libre dunha parte moi concreta", avanza a creadora dunha peza que non chega aos dez minutos, feita en Super 8, -"é a primeira que gravo neste formato"- e que ten un protagonista absoluto: o can Rex.

"Non hai actores, non parto dun guión, é na montaxe onde conto a historia", asegura Iria sobre o que foi un traballo de exploración, no que aproveitou para probar a gravar de noite.

"Aínda que eu faga curtas, non considero que as dirixa, porque non hai humanos, ás veces non hai nin seres vivos", precisa Iria, que incide unha vez máis na que é a súa paixón, "o traballo dende a montaxe".

Logo de graduarse en Comunicación Audiovisual e cun máster en Montaxe, o soño de Iria Silvosa sería continuar dedicándose ao mundo audiovisual, pero facendo proxectos significativos para ela, para que non sexa só unha mera forma de gañar un soldo.

Vai dando pasos para acadar ese obxectivo, coma o de ser unha das directoras escollidas en Cinegalicia para revisar tres clásicos do cine galego, UrxaContinental e Sempre Xonxa, coincidindo co seu trixésimo aniversario.

Tamé colabora coa Invernada de Cine, un "interesante" proxecto desenvolvido nunha aldea no que participará por primeira vez con A Loba, en cuxa creación agradece o apoio de Xosé Manuel Felpeto, da asociación promotora, e de su pai, José Antonio Silvosa, "que coñece o monte".

A peza poderase ver este sábado na casa escola de Cabreiros, a partir das 18.30 horas, dentro da sesión denominada "Eu quero facer unha película". Ademais da proxección da curta tamén se poderán ver as pezas creadas dentro do Chanfaina Lab.

Montar unha historia