Monicreques no confinamento

Os integrantes de Teatro Marionetas Trécola de Pol, Isabel García e Ero Vázquez, continúan ensaiando en precario
Ero Vázquez, un dos integrantes de Trécola, traballando nun novo proxecto. EP
photo_camera Ero Vázquez, un dos integrantes de Trécola, traballando nun novo proxecto. EP

A sorpresa, a ilusión e as risas que son capaces de arrincar uns pequenos bonecos feitos artesanalmente e que semellan ter alma propia, tamén descansan esta tempada. O estado de alarma non fixo excepción con Anya, Xiana, Gaela ou Lolo e a súa ratoa, así que as súas aventuras quedan en suspenso por un tempo.

Coa volta á normalidade tamén regresarán estes e outros monicreques de Teatro Marionetas Trécola. Farano da man —nunca mellor dito— dos titiriteiros Isabel García e Ero Vázquez, os seus creadores e os encargados de darlles vida.

Esta situación excepcional provocou que unha decena de funcións sexan pospostas. "De aquí a finais de maio tiñamos fixadas dez datas", apunta Isabel García, unha das metades de Trécola. Ela numera o Festival Internacional de Títeres de Redondela, dous espectáculos en Asturias e «varios por esta zona», indica dende a súa casa de Pol.

Dende un fogar que lles fai máis levadeiro o confinamento grazas á finca, á horta e ao taller que teñen, non deixan de lado as súas funcións e nelas seguen traballando, pero sen público. «Ensaiamos como se pode, é un adestramento máis mental ca físico», comenta Isabel, aínda que carecen dalgúns materiais que poderían pedir por internet, pero prefiren evitalo.

Nesta tempada atópanse inmersos en repasar a obra que tiñan previsto estrear a finais de mes e afánanse nunha nova historia que prevían sacar á luz no verán.

«Non nos queda moito material, pero algo aínda temos para ir creando marionetas», aclara esta titiriteira que non renega do oficio. «Aínda que haxa quen se empeña en consideralo un termo despectivo para nós non o é, sómolo a moita honra», defende. E fai un chamamento.

«Cando pase isto, queremos ver a todo o mundo no teatro, necesitamos apoiarnos», di Isabel coa certeza de non regresar a enriba do escenario ata setembro.

Cre que a volta, ademais de ser escalonada, farase de rogar para a cultura. «Non nos van meter nun cine ou nun teatro en xuño», prognostica ao tempo que recomenda aproveitar o tempo e «darlle á imaxinación», incluso aprender novas cousas, coma ela, que está aprendendo a tocar a pandeireta. «Sempre lle tiven ganas», conclúe.

Obradoiros que se retomarán
Ademais das marionetas de Trécola, Isabel García tamén se atopaba inmersa, ben participando ou ben impartindo, en dous obradoiros no concello de Pol. Ela prevé que se retomarán máis adiante, en canto a situación o permita.

FELTRADO DE LA. A escola de Cirio acollía a segunda edición do curso de feltrado de la, que comezaba no mes de febreiro. Estaba impartido por Sara de A Chintofanería e organizado pola asociación Chimchiribote, á que pertence Isabel, quen di que "todos estaban ilusionados con el".

TEATRO. Esa mesma asociación polense tamén tiña posto en marcha o obradoiro de teatro que se celebraba no centro sociocultural de Mosteiro. Con once integrantes, as clases tamén volverán, só falta "saber cando", asegura Isabel, que tamén é unha das formadoras. 7 espectáculos O agasallo de Anya, Tolitates, Piccole Theatre Vagamundi, Xogo revolto, Gaela, Lolo e a ratoa e Contos da lúa son os números cos que conta Trécola.

Comentarios