Mónica Méndez: "Necesitabamos máis espazo para mellorar os servizos"

Filme fotografía cambia o seu estudo a outro local en Castro de Riberas de Lea
Mónica Méndez no novo local de Filme Fotografía. EP
photo_camera Mónica Méndez no novo local de Filme Fotografía. EP

A fotógrafa Mónica Méndez abriu o mércores o seu novo local, pois trasladou o seu estudio fotográfico ao número 90 da Avenida da Terra Chá, en Castro de Ribeiras de Lea, co propósito de ofrecer unha mellora nos seus servizos.

A que se dedica Filme?
Facemos reportaxe de bodas, bautismos e comuñóns, ademais de sesións de fotografía infantil ou de embarazos, por exemplo. Tamén traballamos con empresas e institucións facendo fotografía industrial e vídeos promocionais.

Que lles diferenza?
Intentamos saírnos do habitual. Buscamos algo máis fresco e natural, máis divertido e á vez que sexa o máis artístico posible.

Por que apostou por Castro para este proxecto?
Son dunha parroquia próxima, de San Xiao de Mos, e crieime aquí. Sempre quixen quedarme pola zona e apostar polo rural para que medre e que a xente vexa que aquí segue habendo posibilidades.

E a partir de agora, onde se poderá atopar Filme?
Seguimos preto do campo da feira, a 100 metros en liña recta do local de antes, no antigo Banco Sabadell Gallego.

Que motivou o cambio de emprazamento?
Necesitabamos máis espazo para mellorar os nosos servizos. Antes, por exemplo, durante o Nadal só podiamos dedicarnos a facer sesións con motivos relacionados con esas festas porque non era posible ter montado máis dun escenario. En cambio agora, con máis metros cadrados, poderemos coordinar sesións de temáticas diversas.

Como agarda que reciban os clientes este cambio?
Esperamos que o valoren positivamente e noten a melloría. Este avance tamén temos que agradecérllelo a eles e á confianza que depositan en nós.

Manterán o mesmo horario?
Si, seguiremos abertos de martes a venres de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas. Excepto no verán, que adicamos as tardes ás reportaxes e pechamos o estudio. 

Comentarios