Momán despide a Manuel Fernández Corral, gardián da memoria

Manuel Fernández Corral. EP
photo_camera Manuel Fernández Corral. EP

Vaise unha parte da memoria de Guitiriz e de Xermade. Marcha unha enciclopedia de recordos que atesouraba case un século de vivencias, de experiencias, de veciñanza. Despídese un pai, avó e bisavó. Manuel Fernández Corral, Manolo de Lea, o fillo de Cándida e de Juan, finou este mércores 28 de setembro aos 99 anos no Campo da Feira de Momán, na súa terra de adopción, na que este xoves familia, amizades e veciños o despedirán cunha misa, ás catro e cuarto, na igrexa parroquial. 

A Manuel tocoulle facer un pouco de todo. Aprendeu a zoquear de novo e chegou a ir vender as zocas á feira de Parga, marchou a Madrid para ser garda civil na procura dun futuro, participou nas segas de Castela... Mais sobre todo, foi pai e nai para os seus oito fillos, logo do prematuro falecemento da súa muller, Graciela, á que coñecera na festa da Pastora de Cazás e coa que compartira a ilusión de abrir unha tenda de roupa e de calzado en Momán, onde se asentou a familia. O negocio seguiu aberto, cheo naqueles gloriosos días da desaparecida feira de Momán, compaxinado sempre cos labores agrícolas propias da aldea, pasa así sacar adiante unha familia na que todos colaboraban no que tocaba.

Estas e outras moitas lembranzas da súa vida recóllense no libro Lareira de soños, de Pastora Veres, do que Manolo de Lea foi un dos principais informantes, tanto pola súa prodixiosa memoria como pola súa predisposición a botar unha man no que puidese. O seu capítulo titúlase El camarada primero. Non é casual nin unha elección ao azar. É o nome do primeiro libro que el contaba que tivo, un de tantos recordos indelebles que quixo que quedasen recollidos, coma as súas lembranzas da vida de zoqueiro, gravadas nunha peza audiovisual do Museo Etnográfico Monte Caxado

Case semella que 99 anos non foron abondos para un home alegre que soubo gozar da vida ata o último segundo, ao que era habitual ver dar o paseo canda a súa filla Lupe, compartir contos e cantos ou acudir ás festas da volta, onde aínda gustaba de botar un pé. 

Vaise un gardián da memoria. Marcha un mestre da vida. Mais sempre quedarán as súas ensinanzas para quen queira escoitalas, contalas e cantalas.