Moito máis que un parque para Rosalía

As Xornadas Rosalianas de Vilalba viviron este sábado un día "inesquecible", coa inauguración do xardín que leva o nome da poeta, onde se colocou unha obra escultórica que recolle un manifesto feminista de 1858 e se plantou unha figueira
Plantación da figueira. C. PÉREZ
photo_camera Plantación da figueira. C. PÉREZ

"Rosalía de Castro non é de Padrón, nin de Compostela, Rosalía de Castro é de todas, e por suposto, do pobo de Vilalba e da Terra Chá, sobre todo se aquí hai xente que quere ser de Rosalía de Castro", aseguraba onte Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, no acto inaugural do parque da capital chairega que rende homenaxe á poeta, incluído dentro das primeiras Xornadas Rosalianas, promovidas polo Iescha, a Nova Poesía Guitirica e o Concello de Vilalba e que Angueira validou como un "conxunto de eventos que son toda unha lección para Galicia".

O presidente da fundación cualificou de "inesquecible" o nomeamento dun xardín que ademais está cheo de simbolismo. De "orgullo", tildou, que unha pedra traída da súa casa, na que se gravou o primeiro manifesto feminista de Galicia, datado en 1858, "sexa soporte dun monumento onde se defenden as ideas de independencia, de liberdade e de igualdade como defende Rosalía de Castro". E como unha "autética alegría" definiu o vínculo creado a través da "pequena figueiriña", doada pola fundación, que se plantou no decurso do acto, "filla da Figueira de Rosalía, árbore monumental e senlleira dos tempos da autora", como lembra o texto que identifica a árbore.

"A fundación quere estar sempre á vosa beira (...), a casa de Rosalía é tamén a vosa casa", prometeu o presidente, vaticinando, nun día "realmente memorable", que esta unión que acaba de forxarse perdurará no tempo.

As bases para facela posible sentounas o Iescha, ao proporlle ao Concello que lle dedicase o espazo a Rosalía, iniciativa que validou o pleno, tal e como se recolle tamén na escultura obra de José Gómez de Bernardo, Pepón, descuberta pola súa filla Pepa, a muller máis nova entre todas as asistentes.

"Decidimos facela para que, como promovimos poñerlle o nome a este parque, non quedase só en algo alusivo a ela", indicou o autor, que lembrou que a peza consta de tres partes: a base que recolle o acordo; a pedra na que gravou o manifesto feminista -"que queda moito por sachar", dixo- e na que os presentes tamén puideron deixar a súa pegada; e a cedida pola fundación, na que reproduciu a sinatura de Rosalía, desexando que "transmita a forza que ela tiña".

O canteiro agradeceu especialmente o labor da súa irmá Bego e de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, as "verdadeiras heroínas", que fixeron "un traballo digno de Rosalía" para superar o "camiño tortuoso e tenebroso" que supuxo "legalizar o chito". "Este chanto leva máis papel que Bárcenas", bromeou Pepón.

Pola súa banda, Marisa Barreiro salientou a "enorme satifacción" que para o Iescha supón ver inmortalizada en Vilalba a un "referente para os galegos e as galegas" e avogou por deixar de lado a visión dela como "muller melancólica, romántica e santa" para que poida emerxer a "figura universal das nosas letras, a auténtica Rosalía: muller escritora, defensora da súa lingua, rebelde, contestataria e feminista, cun avanzado pensamento político e social".

"Este monolito réndelle unha homenaxe á autora e a todas as mulleres", asegurou nun acto no que tamén interviron os poetas Lois Gayoso, de Vilalba, e Clara Blanco, de Guitiriz, e que incluíu un recitado e unha canción de tres nenas da asociación Andrade.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, descubriu a nova placa do parque e clausurou esta homenaxe vilalbesa "a unha figura senlleira que nos representa a todos", a "nai" de Galicia.

Comentarios