Moita historia entre castañas

O I Magosto Cal da Loba ofreceu música, teatro, poesía, un pregón de Martiño Maseda e a entrega do primeiro título honorífico Constanza de Castro ao escritor Xesús Rábade Paredes
José Manuel Pena, cos nenos. C. PÉREZ
photo_camera José Manuel Pena, cos nenos. C. PÉREZ

"Onde queira que estea Constanza, seguro que se sente ben orgullosa do que hoxe está a acontecer aquí", dicía o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, no I Magosto Cal da Loba, unha cita na que si, houbo castañas, pero tamén "palabras, música, emocións", como destacaba o escritor Martiño Maseda nun pregón pronunciado ante esa vella fortaleza que agarda silandeira pola súa rogada restauración. Ata ela chegaban camiñando máis de 70 modernos peregrinos, algúns ataviados da época na que o castelo de Vilaxoán era tal, o que os fixo merecedores de recibir o título de Constanza de Caldaloba.

Rábade Paredes, no recital. C. PÉREZAínda que se houbo un ilustre e honorífico diplomado nesta xornada de confraternidade onde pasado, presente e futuro confluíron, ese foi o escritor cospeités Xesús Rábade Paredes –na imaxe da esquerda–, máis que agradecido pola distinción. "Fíxome moita ilusión, máis que calquera premio literario", dicía o gañador do primeiro Certame de Poesía Torre de Caldaloba, cuxa voz se oíu con versos de seu, xunto ás doutros autores tamén recoñecidos nesta convocatoria literaria que vai xa pola cuarta edición, Patricia Torrado e Abraham Pérez, nun recital no que soou a arpa de Xesús Álvarez.

Rábade Paredes lembraba ademais "a perda de autonomía" que supuxo para Galicia a decapitación do Mariscal Pardo de Cela e a "torpeza" da baixa nobreza galega ao destruír outras torres no canto de refuxiarse nelas, coma en Caldaloba, que resistiu, dixo Martiño Maseda, igual que a xente o fixo ante o virus "como fortaleza erguida nun outeiro da Chaira".

Intervención de Castosa. C. PÉREZ
[Intervención de Castosa. C. PÉREZ]

E nesas lombas da Rabada Jesús Pena detallou como unha pequena páxina web foi profundizando no coñecemento da historia de Caldaloba, grazas á colaboración con paleógrafos, historiadores, a recreacións 3D... E seguirá medrando cos proxectos en marcha: a investigación dunha carta que Juana, filla dos Reis Católicos, lle escribiu a Constanza de Saavedra, filla de Fernán Ares e Constanza de Castro; un estudo dun historiador sobre a viaxe dos Reis Católicos a Galicia; ou un documento medieval que podería evidenciar que a torre xa existía no século XII.

Fragmentos de historia que se mesturan con contos e lendas coma os que José Manuel Pena lle contou ao pé da lareira aos nenos da zona nunha obra de teatro ideada para a ocasión e tamén para que as novas xeracións non perdan a riqueza do seu legado.

Creacións con premio en Pino

Entrega de títulos Constanza de Castro. C. PÉREZ
[Entrega de títulos Constanza de Castro. C. PÉREZ]

A Asociación Recreativa e Cultural de Pino, organizadora do magosto co apoio da área de cultura da Deputación, o Concello, Culturalia GZ e a web Caldaloba, convocou tamén dous certames cuxo xurado estaba composto pola presidenta da entidade, Inés Lozano, a mestra Ana Castro, Martiño Maseda e Jesús Pena.

Caligramas
Andreia Costas Otero (Redondela) gañou o I Certame de caligramas Constanza de Castro con O tempo de eurizo tamén pasa e a viguesa Constanza Garabatos Funel foi segunda con Bromio.

Debuxo
No I Certame de debuxo infantil A túa Caldaloba, os premios foron para Zaida Díaz Castro e Noelia Méndez Piñeiro, as dúas veciñas de Pino.

Comentarios