Vázquez-Gundín: "A casa estaba ruinosa e dixen: Esta pobreza parece que tira de min"

Don Modesto viviu en Muras case dúas décadas, nas que impulsou diferentes accións educativas e sociais que marcaron o devir dun municipio que presentaba grandes carencias. Hoxe os seus veciños loitan porque que se lle recoñeza como Fillo Adoptivo a este xesuíta de 88 anos
Don Modesto Vázquez-Gundín, primeiro alcalde da democracia en Muras. EP
photo_camera Don Modesto Vázquez-Gundín, primeiro alcalde da democracia en Muras. EP

Como chegou a Muras?

Levaba en Madrid uns catro anos traballando nunha tese doutoral en Teoloxía sobre o sacerdocio. Nos últimos dous xa pensaba en que facer despois. Plantexeilles aos meus superiores volver a Galicia, xa que levaba moito tempo lonxe, e púxenme a buscar destino. Un amigo faloume de Muras e un día no verán fun con el e estiven mirando como era aquilo, que para min era unha novidade moi grande porque nunca vira unha poboación tan dispersa. A casa reitoral estaba ruinosa a máis non poder. E dixen: Isto éncheme, esta pobreza parece que tira de min. 

Como foron os inicios?

Cheguei o día da Magdalena, o 22 de xullo, con catro cousiñas.  Dende o primeiro momento tiven unha moi boa impresión e atopeime con xente moi interesante. Empecei a percorrer as aldeíñas coa bicicleta para coñecer a realidade. Non era nada doado, había moitas costas (ri). No mes de setembro comentáronme os veciños que estaban xuntando cartos para comprarme un coche, pero ao final, a través dun compañeiro que seu pai era o director da Citröen en Vigo, fíxenme cun 2CV. 

Foi un vehículo especial, xa que co tempo se converteu no transporte escolar. Como naceu o parvulario Os Anxeliños?

Vin que había rapaciños con moitas dificultades e pedinlle a un psicólogo amigo meu que fixese un estudo do seu desenvolvemento intelectual. O resultado foi que había dous anos de retraso. Así que fixen unha xuntanza no Nadal do 77 cos pais para propoñerlles a iniciativa. Preparei a unha rapaza como mestra e empezamos no mes de marzo do 78 con seis nenos. No verán xa eran doce e chegaron a xuntarse ata 24 meniños na casa reitoral. Tivemos que comprar un segundo 2CV para a mestra. 

A ensinanza era moi precaria?

Moito. Con dicir que das once escolas unitarias que había sete estaban declaradas ruinosas. Nin servizo, nin luz eléctrica autónoma tiñan. Así que ademais do parvulario, dabamos clases polas tardes por grupos, e no verán, de nove da mañá a nove da noite.

Canto tempo funcionou a escola?

Nove anos. Pechei o parvulario cando abriu o colexio comarcal. Todo o material que tiñamos leveino para alí.

Das once escolas unitarias que había, sete estaban declaradas ruinosas. Non tiñan nin servizo nin luz eléctrica

Tamén promoveu outro tipo de actividades culturais e de ocio.

Fixemos saídas á Coruña no 2CV e xantamos no xardín da casa dos meus pais, fomos ver a Citröen a Vigo alugando un pequeno autobús e tamén visitamos León. Ademais, pedinlle autorización ao bispo para organizar unha obra de teatro na igrexa. Representamos ‘O espantallo amigo’, de Neira Vilas. Quedou unha marabilla! 

Aínda mantén relación con eses pequenos que formou en Muras.

Fai uns anos chamáronme para ver se me podía reunir con catro ou cinco para xantar. Ao final xuntáronse 40. Gardo unha libreta daquel primeiro encontro na que explicaba cada un o que representaba para el terme coñecido. É un caderno que non ten prezo, fai chorar da emoción. Téñenme un cariño que eu non merezo. 

Agora deron un paso máis e solicítanlle ao Concello que o recoñeza como Fillo Adoptivo de Muras. Que supón para vostede?

Para min foi unha sorpresa grande. Esta iniciativa fíxome sentirme máis de Muras, un lugar que me marcou moito na vida. Recibino cunha gratitude enorme, pero xa lles dixen que a mellor homenaxe que me poden facer son eles mesmos. A súa vida, o seu agarimo, o seu afecto, iso non hai quen o pague.

Por que decidiu presentarse ás primeiras eleccións?

Foi unha cousa complexa. Falei co bispo, pero non coa intención de presentarme como candidato, senón de ir na lista para poder facer algo polo ensino dos rapaciños. Reunín a un grupo de 18 ou 20 veciños, os máis preparados, nunha xuntanza que se prolongou tres horas. Ao final decidiron que fose eu de cabeza de lista. Fixemos un estudo ao detalle con documentos para presentar durante a campaña, pero nunca pensamos en que poderiamos gañar. O día das eleccións funme para o monte e á noite, cando me viñeron buscar porque houbera algunhas irregularidades nunha das mesas electorais, confirmáronnos que tiñamos a maioría absoluta.

Cales foron as cuestión que abordou durante o seu mandato como rexedor?

Houbo que facer tantísimas xestións... Muras estaba atrasado case un século. Un dos temas máis urxentes foi o das escolas unitarias, era unha cuestión de dignidade. Tamén pedimos o colexio comarcal. E loitamos por crear vías de acceso ás vivendas polas que puidesen pasar os coches. 

Houbo que facer tantísimas xestións... Muras en moitas cousas estaba atrasada case un século

E a luz?

En moitas parroquias non había. En colaboración co Concello de Ourol electrificáronse dúas cun orzamento de 120 millóns de pesetas. Foi entre os anos 82 e 83. E aínda que se mellorou moito, había altas e baixas de tensión que deixaban as casas 30 días sen luz.

Recorda algunha anécdota negativa desa etapa?

Recordo que despois das eleccións había un grao de tensión veciñal moi alto. Muras era un pobo fortemente dividido e creo que a razón está no gando do monte. As bestas bravas son un foco de división porque non se sabe ben a propiedade e iso xera moito lío. Oito días despois do meu nomeamento apareceron catro bestas acoiteladas.

E que foi o mellor?

Lembro a esas mulleres fortes, curtidas, xenerosas, creativas e entregadas. E aqueles homes fieis e firmes, pero indefensos, aos que a nosa alcaldía lles reportou seguranza e liberdade. Pero, sobre todo, quédome con ver como eses rapaciños que coñecín un día hoxe son unhas persoas formadas e cunha gran dignidade de si mesmos.

Traxectoria

Por que ingresou na Compañía de Xesús?
Os meus pais viron que non había oportunidades de estudo en Ortigueira. Pasaron por alí uns xesuítas de misión e acordaron enviarme a Carrión de los Condes. Despois fun medrando e dinme conta que aquela vida encaixaba ben cos meus ideais.
En 1962 ordenouse sacerdote. Está a piques das vodas de diamante.
Para os xesuítas isto ten unha importancia secundaria. Ordeneime cando tocou e tirei para adiante. 
Dende hai anos reside na Coruña.
Si, durante dez anos din clases de Teoloxía. Tamén moitos exercicios, conferencias e labor pastoral. Ademais de escribir, estudar e instruír con sinxeleza. 
Sempre tivo moi presente a educación. Como a definiría?
É a riqueza que podemos ter ao alcance da man e que nos axuda a sentirnos máis persoas. Co coñecemento podes dominar a realidade.

Comentarios