Moda sostible e responsable

Lorena Carballo Ecological Clothes é a marca dunha emprendedora pontesa que ten como prioridade ser respectuosa co medio ambiente en todo o proceso produtivo
imgData
photo_camera Lorena Carballo, cos seus deseños. EP

Filla dunha modista e costureira, Lorena Carballo botou a andar a súa marca de roupa ecolóxica que comeza cunha colección de bolsos única

Baixo o nome de Lorena Carballo Ecological Clothes, a emprendedora pontesa quixo plasmar a súa propia idea de ecoloxismo e sostibilidade. A deseñadora e creadora formouse a través de cursos que lle serviron para darse conta "do que contamina a industria téxtil" e para buscar alternativas que sexan máis responsables co medio ambiente. 

Froito desta formación e aprendizaxe comprendeu que hai outras maneiras de concibir a moda e o consumo que se fai dela. "Hai que comprar menos e mellor, reutilizando o que temos para darlle unha nova vida", sinala sobre unha das ideas que quere transmitir coa súa marca. 

O proxecto, aínda que se lanzou recentemente, comezou hai dous anos, cando a creadora comezou a confeccionar os seus produtos. "Xa elaboraba prendas ou accesorios para amigos, para as miñas fillas ou para min", di, polo que a súa marca é unha oportunidade de profesionalizar un traballo que viña de antes. 

Actualmente, o seu modo de venda ao público é a través da súa páxina web, www.lorenacarballo.com, un espazo onde se poden adquirir os seus bolsos. Nun futuro quere ampliar e engadir máis variedade de produtos na súa tenda. 

Cada unha das pezas dispoñibles é única e irrepetible, xa que a creadora quere que cada cliente teña algo exclusivo. Todos os produtos están realizados de xeito artesanal con materiais sostibles como o algodón orgánico certificado ou o algodón reciclado. 

Nesta andaina axudouse de amigos e coñecidos. Entre eles, Saúl Vérez, que lle deseñou a páxina web onde vende os seus produtos, e Marta Castro, do estudo Heicastro, que lle creou a imaxe da marca. 

Os comezos a veces son complexos, pero ela teno claro: "Hai que traballar moito, a xente ten que coñecer o meu traballo e confiar nel, é un camiño longo pero estou moi ilusionada". 

Lorena Carballo Ecological Clothes é moito máis que bolsos, é unha forma de entender a moda de xeito máis sostible e menos consumista.

Comentarios