Nicole Grueira: "A mocidade galega ten moito que dicir, somos o motor da sociedade"

A polense, que se iniciou en política hai un ano, acaba de ser elixida presidenta de Novas Xeracións de Galicia, un reto que asume "con ilusión" e coa esperanza de liderar unha xuventude "con principios" que non se resigne "ante as inxustizas".
Nicole Grueira, presidenta de Novas Xeracións de Galicia. EP
photo_camera Nicole Grueira, presidenta de Novas Xeracións de Galicia. EP

Entrou en política como un auténtico furacán. Nicole Grueira (San Martiño de Ferreiros, 2001), que afronta o último curso do Grao de Ciencia Política e da Administración, asumía as rendas da xestora do Partido Popular de Pol en maio de 2022. Só uns meses despois presentábase á alcaldía do seu municipio natal sendo a candidata popular máis nova de toda a comunidade e agora vén de ocupar a presidencia de Novas Xeracións de Galicia cun respaldo do 91,5%. 

Por que decidiu dar o paso e asumir esta novo reto?
Porque xuntos, os mozos temos moito que dicir e moito que facer. Somos o motor da sociedade. Asumo con ilusión este compromiso irrompible con Galicia e coa súa mocidade.

Cando presentou a súa candidatura fixo entrega de 350 avais, catro veces máis que os 90 requeridos como mínimo. Contaba con ter tantos apoios?
Estou moi agradecida pola confianza que depositaron en min. Que me brinden a oportunidade de representar con eles a mocidade galega é un orgullo. Quero volver agradecerlles todo o apoio. Se non fose por todos, isto non sería posible.

Como definiría o proxecto que liderará nesta nova etapa de Novas Xeracións de Galicia. Onde van ir encamiñados os pasos?
O proxecto desta organización, a máis forte e grande de todas, é de toda e para toda a mocidade. É un proxecto atractivo, aberto e con forza, que recolle todas as demandas, necesidades e particularidades da xuventude. É o proxecto que mellor representa, e que máis se asemella a mocidade galega, onde todos os mozos e mozas temos o noso lugar.

Como quere que sexa esa xuventude?
Queremos unha xuventude que sexa libre, que pense e actúe pola súa conta. Queremos unha xuventude humilde, comprometida e traballadora, que loite por todo aquelo no que cre. Unha xuventude sen complexos e orgullosa do que é. Queremos unha xuventude inconformista, e que ese inconformismo que temos por natureza faga que non nos resignemos ante as inxustizas. Queremos unha xuventude con principios e valores. Porque sen isto, non hai política que valla.

Acompáñanme Max Novoa, como secretario xeral, e Paula Losada e Beatriz Quintía, como coordinadoras

Quen a acompañará nesta nova andaina?
Como secretario xeral estará Max Novoa, de Novas Xeracións de Ourense, e de coordinadoras acompañaranme Paula Losada, de Pontevedra, e Beatriz Quintía, de Ferrol. 

Séntese apoiada polo partido?
Dende logo, Adrián Pardo —o presidente saínte— sempre está apoiándome, axúdame en todo e dáme os mellores consellos. El ten moita experiencia no cargo e sei que vai estar ao meu lado sempre.

E Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo, que lle transmitiron?
Os dous trasladáronme que é unha oportunidade moi gratificante poder estar ao servizo dos galegos e animáronme a traballar por todos eles. 

Que retos se presentan dentro da agrupación? Cre que a xente nova está suficientemente implicada en política?
Preséntense os retos que se prensenten estamos preparados e temos as forzas para afrontalos. Somos a organización máis forte, máis grande e máis preparada de Galicia. As novas xeracións imos continuar unindo as nosas forzas para seguir deixando claro que Galicia é o primeiro, e que con Alfonso Rueda á fronte, Galicia non para.

Rueda e Feijóo trasladáronme que é unha oportunidade moi gratificante estar ao  servizo dos galegos

Iniciouse en política hai pouco máis dun ano, con só 21, cando se afiliou e pasou a liderar a xestora do PP de Pol. Que balance fai deste tempo? Foi como esperaba? 
A verdade é que dende que me unín ao proxecto deste partido, vivín moitas experiencias das que me levo moita aprendizaxe. Decidín afiliarme despois de acudir a un acto de Elena Candia en Meira, e o balance é moi positivo. Estou moi ilusionada e orgullosa de formar parte deste gran equipo. A verdade é que non me imaxinaba o que me está a acontecer.

Non tiña antecedentes familiares na política activa, pero sempre di que son o seu maior sostén. Tamén agora ao asumir a presidencia de Novas Xeracións de Galicia?
Dende logo que a familia e os amigos sempre son o piar fundamental en todo canto fago. 

Foi a candidata popular máis nova de toda Galicia nos pasados comicios municipais. Que supuxo para vostede este fito? Como viviu a campaña?
Foi unha experiencia inolvidable, que me fixo crecer persoalmente e coa que aprendín moito. A campaña foi intensa, coincidiume cos exames da carreira, igual que a da presidencia das Novas Xeracións, pero foi moi gratificante. Foron días intensos nos que coñecín máis a fondo Pol e a súa xente. Lévome moi bos recordos.

E como valora os resultados. Conseguiu un concelleiro máis, pero quedou lonxe de arrebatarlle a alcaldía ao PSOE.
Os resultados foron bos, incrementamos o apoio. E dende a oposición na que estamos, imos seguir traballando unidos e con forza polos veciños. 

Onde cre que está o seu teito? Cal é o seu soño en política?
Remítome a unhas palabras que no seu momento dixo Adrián Pardo. A política, a nosa, esa debe ser un hobbie. Creo que estamos en idade de seguir formándonos para contribuír a mellora da nosa sociedade. 

Comentarios