Mobles que volven á vida

Os alumnos do curso de restauración de Mosteiro, en Pol, conseguen que todo tipo de artigos de madeira, ata con varios séculos de vida, luzan como recén mercados.
Asistentes ao curso de restauración de Pol co seu mestre José Luis Castro (dereita).
photo_camera Asistentes ao curso de restauración de Pol co seu mestre José Luis Castro (dereita).

Na parroquia polense de Mosteiro os obxectos volven á vida. Como se dunha variña máxica se tratase, as mans dos alumnos do curso de restauración conseguen que mobles antigos, deteriorados e en pésimas condicións luzan coma recén saídos da tenda.

Podería ser un don dos veciños, pero o certo é que as ensinanzas de José Luis Castro son fundamentais para logralo. A paixón deste gandeiro pola restauración vén de hai máis de dúas décadas e agora transmite os seus coñecementos aos veciños que desexen aprendelos. "Traballar a madeira é algo que me relaxa e me gusta moitísimo. Reconstruír pezas e darlles un acabado completamente novo é algo moi satisfactorio e agora comparto esta paixón cos veciños", explica Castro.

O taller de restauración de mobles está organizado pola asociación de Mulleres Rurais Olvido de Pol e botou a andar no mes de outubro. Neste tempo, a media ducia de alumnos que asisten todos os xoves e venres en horario de tarde ao taller de José Luis Castro aprenderon a dar unha nova vida aos artiluxios de madeira que xa non usaban.

Así renovaron unha mesa de noite, un moble con máis de 200 anos, un dormitorio e varios xugos. "Cada persoa que asiste ás aulas trae a peza que quere restaurar e dámoslle aquí unha nova cara", comenta o mestre, que recorda que unha das pezas máis "curiosas" que arranxaron foi a porta dun nicho.

O proceso para darlle unha nova vida aos artiluxios é moi laborioso, pero os resultados son espectaculares. "Os alumnos quedan gratamente sorprendidos. Tratamos de recuperar por completo mobles que teñen moitísimos anos. Dámoslles un tratamento en profundidade, pero mantendo sempre a súa función e estética orixinal, coa finalidade de que duren polo menos outros cen anos máis", recalca Castro.

Ademais de restauración, a asociación de mulleres rurais organiza actividades coma ioga, pilates, aquagym ou un encaixe de bolillos. Desde 1999, esta entidade formada por máis de 80 socias encárgase, tal e como asegura a súa presidenta, Mercedes López, de "buscar iniciativas para que as mulleres do rural tamén poidan desfrutar do tempo de lecer".

Comentarios