sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

O misterio inspira 'Madalenas', nova curta de Gaitafilmes e Félix Brixel

Casa de Pantón. PAULA QUIROGA
Casa de Pantón. PAULA QUIROGA
A produtora meirega obtivo unha axuda do ICAA de 15.300 euros para desenvolver a idea ► O mesmo tándem reponsabilizouse do documental 'Todas as casas' para o fondo Xacobeo

"É un filme sobre o misterio", asegura o director Félix Brixel ao explicar os conceptos que inspiran a produción de Madalenas, unha curta da produtora Gaitafilmes que conta co apoio do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), a través da concesión dunha axuda de 15.300 euros para o desenvolvemento do proxecto.

"Queremos usar a linguaxe cinematográfica para desvelar o misterio e que a xente estea aberta a descubrilo", engade Brixel, recoñecendo que será "complicado" conseguir transmitir a través da cámara esa idea ao narrar a historia de dous irmáns cuxa realidade se volve opresiva, pero que ese é precisamente o reto que se marcaron e que os anima a sacar adiante este proxecto que xurdía xa en 2018.

Por aquel entón, gravaron unha serie de pezas "de aprendizaxe", pero querían facer "algo máis potente" a todos os niveis, interpretativo, montaxe, imaxe... cun guión "de máis calidade" e que lles permitise afondar "no oficio de contar unha historia en imaxes". E así, a partir do traballo de Félix na compañía teatral Krilajo e dunha peza audiovisual previa, A cat in the window, fóronse definindo a historia e os personaxes de ‘Madalenas’, dous irmáns que afrontan un escuro futuro e miran con nostalxia ao pasado.

Nun momento determinado, un deles proponlle ao outro facer madalenas, tal e como facía súa nai cando eles eran pequenos, unha escena que enlaza cun título que xurdía da maneira máis cotiá, tomando algo nunha cafetería. "Había un señor comendo madalenas no almorzo e dixen, e dixenlle á miña parella, vou escribir algo que teña madalenas, daquela non sabía nin de que ía ir a curta, pero agora tamén me parecen interesantes pola memoria da infancia", conta Brixel sobre un desafío que estámoito máis preto de ser unha realidade. A subvención do ICAA supón un empurrón importante, pero non chega, polo que están en proceso de busca de financiamento, ademais de concretar o elenco artístico —teñen feita unha preselección de actores, á espera de que estean libres cando se grave— e as localizacións nas que se rodará a curtametraxe. Prevén utilizar exteriores en Abadín, na Serra do Xistral, e unha posible casa en Pantón, coa que deron no proceso de gravación doutro proxecto que os tivo ocupados a finais de 2020, Todas as casas, un documental encargado pola Xunta de Galicia para o fondo Xacobeo 2021.

"Buscabamos reflectir a relación dos galegos co patrimonio inmobiliario", lembra Félix sobre un traballo de campo que os levou a atopar "bastante dor na xente que se preocupa por el, cáusalles dor mantelo en pé sen que se desmorone". E pon exemplos, coma a disputa entre dous irmáns sobre vender ou non unha casa, ou esa muller que vivía soa, coidando as súas galiñas, á que todos os días lle ían levar a comida.

"É unha loita por manter un patrimonio sen perspectivas de futuro, que é o que lle causa frustración a xente, a imposibilidade de aceptar que esas casas deixen de ter vida, hai moitos casos así", resume Félix, guionista da peza xunto a Paula Quiroga. Este traballo levounos a percorrer distintos puntos da provincia, e a ser aínda máis conscientes de que existe "un problema social que vai ir a máis" ante todo ese patrimonio ao que non se lle dá un novo uso. Atoparon moitas casas de "vida ficticia", ás que os donos van esporadicamente e mentres se manteñen "como en formol".

E así deron cunha en Duarría, moi acaída para gravar o ‘teaser’ doutro dos proxectos de Gaitafilmes, Monstro. O director desta futura película que ten a Antonio Durán ‘Morris’ como progatonista é Andrés Goteira, quen tamén se responsabilizou de dirixir ‘Todas as casas’: "É un documental clásico, de 40 minutos de duración, no que nos centramos na busca do conflito que hai detrás das casas", apunta.

"Temos coma unha serie de oito capítulos, daría para moito, o conflito é amplo, en cada casa o seu, hainas á venda, outras herdadas por varios irmáns, zonas máis habitables e con máis recursos e outras onde non é posible...", recorda Goteira dun proxecto co que percorreron distintos lugares da Terra Chá, da Montaña ou da Ribeira Sacra, aínda que non todos os inmobles se recollen na montaxe final de Todas as casas.

O misterio inspira 'Madalenas', nova curta de Gaitafilmes e Félix...
Comentarios