Miriam Fernández: "No rural temos moito que dicir, aínda que moitas veces se esquezan de nós"

A vilalbesa é unha das poucas mulleres da provincia que se dedica profesionalmente ao tear, ademais de ser a máis nova de Galicia en activo nun mundo ao que chegou da man da súa nai, Lourdes Otero, e do traballo desenvolvido polas mulleres de Insua
Miriam Fernández Otero. SABELA EIRÍZ
photo_camera Miriam Fernández Otero. SABELA EIRÍZ

Cando naceu o interese polo tear?

Dende sempre os oficios tradicionais chamáronme moito a atención, escoitarlle a miñas avoas sobre os traballos téxtiles e ver os teares nos museos etnográficos eran cousas que despertaban en min interese. Pero realmente empecei cando puiden probar por primeira vez nun curso que trouxemos para a asociación de mulleres rurais de Insua, alá polo 2008 ou 2009. Quedei impresionada de todo o que se podía facer e á vez infundiume un gran respecto cara as nosas devanceiras en canto a todo o que hai que aprender ata chegar a crear un pano. Non só é sentarse fronte ao tear e pasar a lanzadeira dun lado a outro, hai moita preparación previa para cada peza.

Como crearon Fusaiola?

O xerme do obradoiro comezou con miña nai Lourdes Otero no 2012, eu estaba na universidade e tiña menos tempo para adicarlle ao tear, polo que ela foi a que, tras formarse no Centro de Artesanía e Deseño e aprender doutras artesás maiores, comezou a tecer profesionalmente e transmitirme os coñecementos a min. Máis tarde uninme eu, e entre as dúas démoslle impulso ao negocio constituíndo e dándolle nome ao obradoiro, adquirindo o amparo da marca Artesanía de Galicia, participando en proxectos maiores,

Que balance fai destes anos?

O balance xeral é bo, cos seus altos e baixos coma moitos artesáns nun sector que ás veces se mantén a duras penas fronte os cambios da vida moderna, pero con esforzo e traballo seguimos adiante mostrando as nosas creacións, explorando novos horizontes e técnicas e mantendo o saber ancestral das nosas devanceiras. 

Que importancia ten a súa nai na implicación co liño?

Toda, foi quen nos meteu o vermiño no corpo ás compañeiras da asociación e a min sobre a idea de recuperar o cultivo e a memoria téxtil na parroquia. Loitou moito para conseguilo e sempre contou co apoio das socias, que traballaron arreo. Dela e das demais aprendín moitísimo sobre esta febra téxtil e sobre o tecido, unha base que me animou a seguir investigando e especializarme no ámbito, descubrindo todo o universo cultural que xira arredor do liño e do tecido. Foi e segue a ser a miña mentora, por ela sinto agradecemento e admiración.

A miña nai foi e segue a ser a miña mentora,  por ela sinto agradecemento e admiración

Como valora todo o traballo que se fixo dende a asociación?

Creo que pola vida hai que pasar con humildade, pero tamén hai que recoñecer o esforzo que se leva facendo tantos anos dende a asociación para recuperar o cultivo tradicional do liño, traballo que posicionou este colectivo como referente en canto a proxectos de recuperación etnográfica e patrimonial en Galicia, contribuíndo a colocar Insua no mapa e a Vilalba como referente. Pon de manifesto que a unión fai a forza e que no rural temos aínda moito e que decir a pesar de que moitas veces se esquezan de nós.

Dese traballo editou un libro en 2019. Como se xestou?

A idea xestouse un ano antes de cumprir os dez de inicio do proxecto de recuperación do liño. O meu desexo era de plasmar por escrito toda a información que foramos recompilando, ademais da experiencia e os recordos compartidos. Recuperar esa memoria perdida, rescatar e restaurar os apeiros do liño dos faiados para volver a a poñelos en marcha, falar cos avós e avoas para que nos falasen de cada un dos pasos do cultivo e daquelas tascas e fías. Foi unha aventura que mereceu a pena e que creou un forte vínculo entre nós. 

Que pasos quedan por diante?

Manter o que se conseguiu, recuperándose destes case dous anos de parón forzado, e pensando en proxectos complementarios que permitan ás socias seguir desfrutando dun rural vivo. 

Como vos afectou a pandemia?

O máis importante no que nos afectou foi en non poder xuntarnos as dúas xornadas semanais habituais. A Tasca 2020 e outras actividades programadas foron cancelados para non por en risco a ninguén, polo que a o calendario e a Tasca 2021 rexirase polos mesmos criterios, atendendo ás indicacións sanitarias. Traballaremos no programa, tendo todo preparado para adaptalo ao escenario que toque vivir chegado outubro. 

O ano pasado participou no proxecto Tecer para crer, que significou?

Unha oportunidade profesional moi grande e un impulso significativo para o obradoiro. Viaxamos pola provincia de Lugo cun dos meus pequenos teares visitando mulleres que antano foran tecelás e outras artesás do tecido en activo, dende Burela ao Piornedo. Foron uns días nos que compartimos experiencias de vida e puiden testemuñar unha vez máis o importante que foi o téxtil e o seu traballo tanto na economía diaria de antano como na artesanía actual, aínda que non sempre se lles dese o crédito que merecen. Foi unha experiencia emocionante e enriquecedora en moitos sentidos, volvería a repetila sen dúbida.

Traballaremos no programa da Tasca 2012 tendo todo preparado para adaptalo ao escenario que toque vivir chegado outubro

Ademais do tear está implicada en Clío Reconstrucción Histórica. 

Esta asociación creámola tres persoas cando rematei os meus estudos de Historia da Arte e comecei co máster en Xestión Cultural. Pensamos en aportar altruistamente actividades e ferramentas para explicar e divulgar a historia e a arte, crendo que non hai mellor forma de entender o que podemos ver nas vitrinas dos museos que achegándoas ó público con obradoiros divulgativos e charlas nas que observar o seu funcionamento. O apartado adicado ó estudo e recreación dos procesos téxtiles do mundo Antigo converteuse nun dos puntos fortes das nosas actividades.

Onde estiveron?
Participamos con talleres infantís e charlas en museos como o do Castro de Viladonga, a Rede Museística Provincial de Lugo, o museo das Vilas Romanas en Valladolid ou o da Vila Romana da Olmeda en Palencia. Colaboramos con asociacións locais e participación en eventos de ambientación ou recreación histórica en Zamora, Narón, León ou Sevilla.

Teñen intención de profesionalizarse?

Co paso do tempo vimos que a idea estaba tendo acollida entre os museos, que lles gustaba a nosa forma de traballar e se poñían en contacto connosco, solicitándonos unha implicación que no tempo era complicada de manter altruistamente. Por iso a comezos deste ano consideramos a idea de profesionalizarnos na xestión cultural, aínda que momento vai paseniño por mor do covid. 

Ten outros proxectos?

Co obradoiro de tecido teño ideas no tinteiro en canto a pezas coas que animarme a participar nalgún premio de artesanía, buscando tamén novas oportunidades, pero mentres os riscos da covid sigan afectando a vida diaria supoño que nos espera máis traballo de taller a porta pechada que de costume. 

E algunha publicación?

Sempre adico un tempo de traballo a isto. Algún día gustaríame sacar un estudo sobre téxtil da Antigüidade que teño a medio rematar. Síntome moi cómoda neste ámbito, polo que me gustaría continuar nun futuro estudos de doutoramento. E non descarto probar con outras publicacións. 

"Pagaría por ollar a vida diaria nos castros pola fechadura dunha porta"
Se puidese escoller, en que época lle gustaría ter nacido?
Sendo muller, e a pesar de que queda moito por andar, quedaríame na actualidade. Aínda así gustaríame ver as aldeas cheas de vida das que fala miña avoa e pagaría por ollar a vida diaria dos habitantes dos castros, aínda que fose pola fechadura dunha porta. 
Un personaxe histórico?
Clara Campoamor. Por loitar pola igualdade e os dereitos fundamentais das mulleres, entre os que destaca o voto feminino.
Unha película.
‘ Dentro do Labirinto’, de Jim Henson.
Un libro.
‘Pel de Lobo’, de Xosé Miranda.
Unha prenda especial que confeccionase?
Unha bufanda de la vermella. Non é especialmente bonita nin perfecta, pero foi a primeira peza que tecín con 17 anos. 
El algunha con unha historia especial?
As colchas da avoa, unha toquilla de pelo de cabra de miña bisaboa e un pano marino do traxe rexional familiar de miña tataravoa.
Un recuncho especial en Insua ou calquera que lle guste de Vilalba?
En Insua teño un par recunchos especiais xunto o río que me transmiten paz. De Vilalba o Paseo dos Soños ou o casco antigo.

Comentarios