Miri Franco: "A exposición reflicte a miña etapa actual na pintura"

A artista pontesa expón O meu sentir dende este sábado ata o vindeiro 4 de marzo no taller de arte Comeluz das Pontes
Miri Franco. EP
photo_camera Miri Franco. EP

A arte é unha constante nas Pontes, e Comeluz volve ser o escaparate da mesma, esta vez coa exposición O Meu Sentir, de Miri Franco Pena, que pode verse dende este sábado, de 16.00 a 20.00 horas, de luns a venres. A artista é ademais directiva da asociación pontesa Artpo, que achega a pintura á veciñanza do municipio.

Como é a súa exposición O meu sentir?
O título é unha definición perfecta do que expoño. Reflicte a miña etapa actual na pintura e o meu estado interior, dándolle cor e forma a través dos cadros. Nela despóxome de adornos e capas superfluas e desvístome metaforicamente para demostrar o que verdadeiramente son.

Que plasma nos cadros para reflectir todo iso?
Fágoo a través de formas e de cores abstractas, nun mundo que tamén é moi abstracto. Inspírome nos nenos, nesa forma sinxela e espontánea de transmitir o que un sinte e pensa. A miña intención é que o que vexa os meus cadros vaia máis aló desa representación e sinta.

Que estilos e métodos empregou á hora de pintar?
Nos 20 cadros da exposición hai variedade, xa que o punto común é o tema, e os recursos son variados. Emprego acrílico, óleo, tinta ou acuarela, e os soportes son o lenzo e o papel.

É parte da directiva de Artpo. Que fai esta asociación?
Nela xuntámonos varias persoas afeccionadas á pintura nun estudo e pintamos, ademais de ter clases os martes, para nenos e para adultos, coa profesora Alicia Fernández. Tamén difundimos a arte local.