O recuncho de... Laura Cabo

Mirador de Barangón: vistas tatuadas no corazón

Cada vez son máis os que soben a un dos altos da Ribeira de Piquín para respirar aire puro e coller forzas para o que veña
Mirador de Barangón. C.PÉREZ
photo_camera Mirador de Barangón. C.PÉREZ
Localización
Dende o Chao do Pousadoiro hai uns once quilómetros. Logo de cruzar a ponte sobre o Eo hai que coller á dereita e seguir a LU-P5404 e logo a LU-P-5401 e xirar á esquerda, pola 5403, no desvío cara a Santalla, parroquia de Ribeira de Piquín á que pertence Barangón. Ao chegar á aldea, hai que subir á esquerda ata chegar ao mirador.
Acondicionamento
O Concello mellorou os accesos e colocou unha estrutura de madeira, con bancos integrados, en 2018.  Antenas
Levan décadas instaladas no lugar, aínda que se modernizaron. "Eu recórdoas alí toda a vida, só foron aumentando torretas», explica Laura que, como curiosidade, precisa que dan cobertura a toda a Ribeira «agás a Barangón, que recibe o sinal da Serra de Meira"

Mirador. C.PÉREZ
Mirador. C.PÉREZ

Laura Cabo naceu en Barangón. Criouse en Barangón. E viviu un Barangón ata que marchou estudar. Pasou pola Coruña e agora vive en Lugo, pero Barangón é ese lugar ao que sempre volve. "É raro que pase 15 días sen ir, é a miña maneira de desconectar, de respirar aire puro e de coller forzas para a seguinte semana", di, destacando que nesas visitas, nunca tan frecuentes como lle gustaría, hai unha parada obrigada. Unha  subida necesaria ata o Mirador de Barangón. 

Acceso ao mirador. C.PÉREZ
Acceso ao mirador. C.PÉREZ

"Teño que ir adrede, sempre que podo", precisa sobre un paseo hoxe esporádico pero imprescindible –en soidade ou canda a súa nai, súa cuñada, amigas...–, para tocar a gaita, ler un libro, conversar ou, simplemente, estar. Noutrora, ese ascenso de 600 metros era rutinario: "De pequena, cando tiña un momento libre, sempre tiraba para alí". Porque o aparcadoiro para os vehículos ou as bicicletas que agora suben a cotío, sobre todo no verán, o coidado camiño de acceso, a estrutura de madeira, o panel explicativo do que se ve... todo iso que fixo do mirador un referente para veciños e foráneos non chega ao lustro, mais as vistas "son de sempre, levan aí toda a vida, non se moveron do sitio".

"Ves todo o val de Ribeira de Piquín, nun día claro ves perfectamente o Chao do Pousadoiro, a Serra de Meira, pobos da Fonsagrada... ves practicamente ata Asturias", enumera Laura, que agradece a implicación do Concello non só por acondicionar o lugar, senón por promocionar e pór en valor a riqueza natural e paisaxística do municipio. "A Ribeira era coñecida polas troitas, por Seivane, pero non polas súas paisaxes e temos lugares moi bonitos, moitos tesouros escondidos", destaca unha moza profundamente unida ás súas raíces. 

Vistas dende o mirador de Barangón. C.PÉREZ
Vistas dende o mirador de Barangón. C.PÉREZ

"Para min, Ribeira de Piquín é importante toda, a terra sempre tira", di, e para refrendar ese vínculo inquebrantable, ese "miña casiña, meu lar" que xa tiña tatuado no corazón, quixo gravalo tamén na pel: "Neste último ano tatuei as coordenadas de Barangón, xusto as da miña casa". Unha proba física dunha unión tan intanxible coma a sensación que a enche cando sobe ao mirador e fai aquilo ao que o seu nome convida. Mira, e sente: "É onde curo todos os males con só respirar".

Laura Cabo. EP
Laura Cabo. EP

Comentarios