Mini e Mero, mestres do arado

Recibirán unha homenaxe en Vilalba o día 18 por case medio século de loita a prol da conservación da identidade galega. Entrarán por dereito propio, arroupados pola tribo, nese Paseo dos Soños que discorre ao pé das augas do Magdalena, enchendo de música O Hectómetro Literario número 12.

Mini e Mero. AEP
photo_camera Mini e Mero. AEP

"Son creadores chairegos e teñen unha traxectoria que merece este recoñecemento", di Alfonso Blanco sobre o Hectómetro Literario que a asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María lle dedicarán a Mini e Mero este sábado no vilalbés Paseo dos Soños.

Nesa camiñata ao pé das augas do Magdalena que estreaba o monolito de Paco Martín alá polo ano 2006 e que conta xa con once fitos, o número doce será para unha parella de músicos cuxo quefacer conxunto hai xa tempo que transcendeu esas dúas ánimas individuais que se agochan detrás do mito: o begontés Xosé Luis Rivas Cruz e o vilalbés Baldomero Iglesias Dobarrio.

Mais como di Alfonso, eles non son só músicos. Son polifacéticos. Son mestres, son recuperadores da memoria histórica e da tradición oral, son escritores e son espalladores da historia, da cultura e da literatura galega a través dos sons, tras deixar musicados numerosos poemas, lendas e ata guerras.

"Son case 50 anos de dedicación, o que case debe ser un feito histórico, así que o teñen moi merecido, pola constancia e polo labor desenvolvido por toda Galicia, dende o mundo rural á universade, por un feixe de cousas, se alguén merece estar no Paseo dos Soños, son eles", di Xesús Mato, que bromea definíndose coma "o pai da criatura", xa que foi el o que empezou "todo este fregado".

O acto servirá tamén para dar a coñecer o libro Mini e Mero, labrado para sementar, no que se repasa a súa longa traxectoria


E razón non lle falta. El introduciunos nun coro que derivou no grupo Folk 72 e no primeiro gran 'hit', un resucitador da música galega. Gañaron o concurso musical das San Lucas de Mondoñedo coa peza Fuxan os ventos —a letra era de Mato e a música deles—, que acabaría por ser o nome do seu seguinte grupo. Logo fundarían A Quenlla, consolidándose como unha única voz disposta a colaborar con «todo proxecto que sexa galeguizador», como eles mesmos teñen indicado.

Por todo isto "tiñan que estar no Paseo os dous, coa súa dualidade e non individualmente, todos somos coñecedores dos méritos que os envolven", apunta o escritor David Otero, unha vez máis mestre de cerimonias na inauguración do Hectómetro Literario. "Eles correspóndense perfectamente co título do libro, son dos que preparan o terreo para que sementemos", engade Otero, referíndose ao que será o fío condutor do acto, a obra de Xulio Xiz Mini e Mero, labrado para sementar, que tamén se presentará ese día.

Logo da recepción, ás 12.00 horas ao pé do Muíño do Rañego, con música de Raúl Galego e versos de Xoán Xosé Ferández Abella, iranse facendo paradas en todos os fitos do Paseo dos Soños, onde Paco Martín, Xosé Lois García, Miro Casabella, Luís Foz, Marica Campo, Isidro Novo, Helena Villar, Xesús Rábade, Rubén Aramburu, Xosé Lois Santos Cabanas e o propio Xiz irán tomando a palabra, debullando algunas colaboracións con este volume que se xestaba hai tres anos nunha comida de amigos.

Xiz gravou aquela longa conversa, "porque nunca antes dixeron nada e agora consideraron que era o momento de falar, de contar a historia deles dous", que practicamente transcribe íntegra no libro. "É coma unha entrevista elaborada", precisa, acompañada de diversos documentos e de opinións de xente "coa que tiveron relación todo este tempo, unha vinculación importante".

A última parada será o Hectómetro Literario número doce,unha "escultura participativa" deseñada por Valdi. É unha peza de gran tamaño —2,3 metros de alto por 1,5 de ancho— para reflectir "a grandeza do seu traballo, a monumentalidade deles como referentes da cultura galega".

"Traxectoria coma a súa non a verei nunca máis na miña vida", di o autor, adiantando detalles dunha obra feita en aceiro corten que leva gravado o mapa de Galicia e a lenda Galiza na alma, ademais dun retrato de cada deles, con cadanseu pentagrama e cunha frase lexible, pero con esforzo —"está feito adrede, para que haxa que pararse"—. Para Mero escolleu É o oficio de cantor non calar nada, non calar nunca e para Mini, Galiza, a razón dunha vida.

O conxunto complétase cunhas bancadas de pedra, para que os camiñantes poidan tomarse un instante de repouso e con pequenos furados que permit en xogar coa perspectiva e percibir distintos anacos de natureza, segundo onde se coloque o espectador.

Valdi, autor de boa parte das pezas do Paseo dos Soños, confesa que esta lle deu moito que pensar, tanto pola mensaxe que quería transmitir coma por ser "un hectómetro atípico e especial, inspirado na música, aínda que eles tamén son escritores».

Con todos estes preparativos, quizais sexan máis compresibles os sentimentos encontrados dos dou protagonistas: «Estou ilusionado, e tamén nervioso e preocupado », confesa Mero sobre unha homenaxe «entrañable por vir de quen vén e, no meu caso, por ser moi cerquiña da miña casa, de onde nacín, a cento e pico metros do Magdalena".

"É un tremendo agasallo que non merecemos, é algo que nos desborda", di Mini, máis que agradecido a esa tribo quere decirlle así ao mundo "que a Terra Chá está viva, que permanece". "É un orgullo que a un o recoñezan como parte dunha ilusión colectiva", conclúe.

Comentarios