martes. 25.01.2022 |
El tiempo
martes. 25.01.2022
El tiempo

Un milleiro de luces para alumear o neno na Chaira

Momán e Labrada volven ter un belén reivindicativo e o electrónico de Begonte xa se pode visitar dende o sábado

O Nadal xa está aquí. Esta fin de semana, como é costume cada primeiro sábado de decembro, inagurábase o belén electrónico de Begonte e comezaban as visitas a este máxico e entrañable nacemento, o que simbolicamente se considera o comezo do Nadal na Chaira.

Non é o único belén popular por estos lares, onde dende hai anos os nacementos reivindicativos da capela de Santo Antón de Momán (Xermade) e da igrexa de Labrada (Guitiriz) espertan unha grande expectación. E un ano máis non dafraudan, con alusións á subida da factura da luz e aos baixos prezos do leite e da carne, ao covid e ás vacinas, á violencia de xénero ou á emigración, ademais de facerlle unha homenaxe aos veciños de La Palma polo momento duro que están a vivir trala erupción do volcán Cumbre Vieja e de, coma sempre, defender a vida no rural.

Un veciño de Damil fabricou unha árbore de doce metros e 4.000 bombillas, que se presentou cunha xuntanza

Esta é tamén a que escenifica o belén begontés, que chega aos 50 anos fiel aos seus inicios, representando a cotiandade de calquera aldea galega. A súa apertura foi tamén a data elixida polo Concello de Begonte para o acendido das luces de Nadal, se ben non foi o primeiro en facelo, pois hai outros municipios onde xa levan algúns días mergullados no espírito destas festas con anterioridade.

O primeiro en entrar de cheo no Nadal foi Meira, o 26 de novembro. Aproveitouse a xornada do Black Friday organizada por Acea de Meira para dar tamén o pistoletazo de saída ás celebracións de decembro, dando por inaugurado o II Concurso de decoración de escaparates de Nadal, que tamén promove Acea. Pero este non é o único lugar onde se premia a creatividade decorativa, pois tamén hai certames en Vilalba, en Xermade e nas Pontes.

En Castro de Rei escolleron despedir novembro coa posta en marcha da tradicional iluminación das festas e en Muras optaron por recibir decembro co acendido. O venres tocoulle o turno a Cospeito e ás Pontes, onde tamén se volveu montar un gran poboado, e o domingo foi o turno de Xermade.

As luces de cores xa anuncian tamén dende hai uns días o Nadal na Pastoriza e en Ribeira de Piquín e dende este luns fano en Vilalba, onde o Concello organizou un acto, que contou coa actuación de Alba García e cunhas verbas da alcaldesa, para oficializar o acendido, presentar o poboado da Praza da Constitución e estrear oficialmente o Nadal, photocall ante a casa do concello incluído.

Vilalba organizou este luns un acto oficial para inaugurar o alumeado e o poboado de Nadal, que contou coa actuación de Alba García

Nos vindeiros días serán os veciños de Abadín, de Guitiriz e de Pol os que descubran que motivos escolleron os seus respectivos gobernos locais para dar comezo á tempada das festas.

Pero non son só os concellos (e cada quen na súa casa) os que acenden o Nadal, e proba diso é un grupo de veciños da parroquia begontesa de Damil, que o venres fixeron a súa particular inauguración das festas cunha das árbores máis espectaculares da volta, na que alumean nin máis nin menos ca 4.000 lámpadas de cores, unidas por 400 metros de cable.

Foi un veciño, Álvaro Castro Pichín, quen traballou arreo —deseñou, soldou ferros, montou o cableado, etc.— para crear esta árbore única que supera os doce metros de altura, ao pé da que se xuntaron un grupo de veciños para o acendido. Non faltaron os máis pequenos, que ademais recibiron a visita sorpresa e por adiantado do mesmísimo Papá Noel

Un milleiro de luces para alumear o neno na Chaira
Comentarios