Miguel Barrera: "O meu libro é unha homenaxe aos poetas de Vilalba"

O escritor vilalbés recollerá este vernes, no auditorio Carmen Estévez, o premio do XLV Certame Literario de Vilalba, concedido de xeito unánime polo xurado ao seu poemario 'Poema das rúa das aves (Capítulo II: Agora). A tráxica historia da Gata Non-Nata e como as Aves de Porta de Cima coidaron dos seus gatiños'
Xosé Miguel Barrera. MANUEL PARÍS
photo_camera Xosé Miguel Barrera. MANUEL PARÍS

Nado en Vilalba en 1964, Miguel Barrera conta cunha dilatada traxectoria literaria e profesional. Asentado en Torrelaguna (Madrid), forma parte do grupo Bilbao, é autor de diversas publicacións sobre economía social e cultural en diversos medios e ten publicado poesía en xornais e revistas literarias, como Xistral e outras. Conta no seu haber con varios libros de poesía: Loita de silencio (1993), Na árbores do desespero (Derradeiros poemas de Cándida) (primeiro Caderno de Estudos Chairegos, 2002) e Poemas do tempo silenciado (2006). Ademais, ten inédito o libro Amor enteiro, que aborda a poesía erótica e diversos textos en prosa. O gañador do XLV Certame Literario do Concello de Vilalba, que tamén é membro da xunta directiva do movemento cultural Amigos de Prisciliano, formou parte do grupo de guionistas do proxecto cinematográfico Una tela en branco, unha experiencia que consolidou a súa paixón polo cine e que en certa maneira inspirou o poemario da Gata Non-Nata e as aves de Porta de Cima, recompensado con 7.000 euros, diploma, flor natural e a edición do mesmo. 

Como acolliches a noticia do premio?

Foi unha casualidade, pois recibín a chamada do xurado poucas horas despois de chegar a Vilalba. É para min unha gran ledicia e un grande orgullo, por ser un premio que vén da miña vila natal, e que conta cunha excelente dotación económica e cun prestixio que vai medrando ano tras ano.

Decateime de que o silencio era unha inxenuidade pola miña parte, ante a forza e a necesidade que tiña de seguir escribindo

Que queda daquel Barrera que unha vez se autodefiniu como fillo da contracultura?

Aínda segue vivo. Cando falamos de contracultura referímonos a un movemento cultural que agora se está a perfilar como unha das revelacións para as novas xeracións. O que antes era un enfoque de minorías hoxe forma parte do quefacer cotián. A contracultura viña a diferenciar un novo xeito de ver a vida e tamén visualizaba a idea de universalizar o eido cultural, tan propia dos anos 80.

Como evolucionou Miguel Barrera dende Loita de silencio?

Foi unha reivindicación dos campos, ríos e recantos de Vilalba. Non era soamente un canto á Chaira, senón tamén á visión entre o sentido espido do mundo, onde pretendía interpretar o ar, o vento, as nubes e os intres tormentosos que pode experimentar calquera persoa nun determinado momento.

Anticipácheste no tempo coa denuncia da violencia machista, en A árbore do desespero (1988)…

En efecto, foi unha composición que puxen en boca dunha muller para denunciar a violencia machista, da que tanto se fala agora. Alí describo a anguria das últimas horas da antagonista, cando decide poñer fin á súa vida ao decatarse de que a sociedade protexe ao violento. Afortunadamente, cambiaron moito as cousas nesta lacra nos últimos anos, especialmente no que se refire á sensibilización da sociedade.

'A árbore do desespero' foi unha composición que puxen en boca dunha muller para denunciar a violencia machista, a que tanto se fala agora

E chegaron os Poemas do tempo silenciado, dende o exilio madrileño.

En realidade son unha continuación de Loita de silencio. Forman parte dun período que transcorre en pouco máis dunha década, entre 1993 e 2003. Decateime de que o silencio era unha inxenuidade pola miña banda, ante a forza e a necesidade que tiña de seguir escribindo. O libro ten dúas edicións, unha feita en Madrid e promovida polo grupo Bilbao; e a que saíu meses despois como parte da colección da Biblioteca do Instituto de Estudos Chairegos.

Dende sempre colaboraches con varias publicacións literarias…

Comecei a publicar os meus poemas en A Voz de Vilalba, aló polo ano 1985. E sigo a facelo na actualidade na edición dixital; de feito, os meus poemas máis recentes neste medio teñen que ver con temas de actualidade, como o cambio político na nosa vila e a designación de Ricardo Carvalho Calero como protagonista da vindeira edición das Letras Galegas. Posteriormente, publiquei en varios números da revista Xistral e, no ámbito madrileño, na revista Olga, como continuación do meu labor como membro do grupo Bilbao; e na revista Cartapacio, da Serra Norte de Madrid. Este ano tiven a oportunidade de participar nun recital poético no Ateneo, onde recitaron no seu día Lorca e outros autores de prestixio e onde tamén celebraba Valle-Inclán as súas tertulias literarias. E participei tamén en numerosos libros colectivos.

Manuel María foi o meu pai espiritual. Coñecido por primeira vez na Carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, de onde tamén era natural meu pai

Tiveches unha fonda influencia dos poetas da Chaira.

Manuel María foi o meu pai espiritual. Coñecino por vez primeira na carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, de onde tamén era natural o meu pai. E mantivemos unha relación de amizade dende comezos dos anos 90, tanto literaria como epistolar. Non podo esquecer tampouco a Agustín Fernández Paz, que unha vez me dixo "Hai que ler un pouco todos os días". E, loxicamente, a Xosé Luis García Mato, o Guedelliñas, co seu estilo existencial e tremendista. O meu libro premiado é unha homenaxe aos poetas de Vilalba, esta terra pequeniña que ten un fondo extraordinario no corazón. Un acaba por voltar ao territorio íntimo, que no meu caso está cos poetas de Vilalba, coa súa temática, o seu xeito de escribir… Os mortos volven, e da maneira que se achegan a nós, interpretámolos de novo. Coñecinos a fondo a través do libro Os poetas de Vilalba, de Xulio Xiz.

Que lecturas ocupan actualmente o teu tempo libre?

En concreto, tres. Spoon River Anthology, de Edgar Lee Masters; El último barco, de Domingo Villar; e Sapiens, de Yuval Noah Harari. Tamén ando na relectura dos poemas de Patty Smith e na obra de Marcos Ana (1920-2016), poeta comunista e o preso que máis tempo pasou nos cárceres franquistas, un total de 23 anos. 

Comentarios