En primeira persoa

"A mestura de breixo e de silva para min é perfecta"

Son Ivan Díaz e nacín na parroquia vilalbesa de Goiriz, aínda que agora vivo na de San Simón da Costa, onde a miña muller, Cristina, e eu estamos á fronte da queixería Don Gabino. Tamén presido a asociación apícola Serra da Carba, fundada en 2018 e que na actualidade conta con 35 socios.
Iván Díaz, presidente de Serra da Carba. C.PÉREZ
photo_camera Iván Díaz, presidente de Serra da Carba. C.PÉREZ

A asociación Serra da Carba vén de organizar a súa cuarta xornada de apicultura, como foi?
Moi ben. Fixemos a cata con 17 mostras dos socios e estivo moi disputada, con puntuacións moi igualadas. Tanto o público coma os catadores quedaron encantados. Tres dos catadores eran novos, algún nunca fixera unha cata e gustoulle a experiencia.

E quen gañou?
En meles claros o primeiro premio foi para Mar Trastoy e o segundo, para Antonio Vivero. En escuros gañou Dulce Barro e segundo foi Íñigo Rodríguez.

Mar Trastoy e Antonio Vivero, en les claros, e Dulce Barro e Iñigo Rodríguez, en escuros, levaron premio na cata de meles"

Tamén tiveron unha charla sobre a crise global...
Si, falouse de crise enerxética, de cambio climático... déronse unha pinceladas, pero quedou moito por falar.

Como lles afecta ás abellas?
Afecta moito, ás floracións ou ás temperaturas, que é o que manda nas abellas. Elas non teñen calendario, guíanse por se fai frío ou calor. Por exemplo, este mes hai castiñeiro en flor, que é unha cousa rarísima, e ese pole incita ás abellas, polo que se se poñen en marcha, o normal é que esa colmea morra, polo tempo. Os cambios bruscos non son bos. E a longo prazo aféctalle á vexetación, tenden a desaparecer especies ou ser menos comúns. Se faltan as brañas, haberá menos mel de breixo.

Este ano as abellas tiveron moita fame, porque na época na que tiñan que almacenar houbo sequía"

Como foi esta campaña?
As abellas tiveron moita fame, porque na época na que tiñan que almacenar houbo sequía que non favoreceu a floración do castiñeiro, e despois veu unha semana de nordés, que secou a flor. Tiveron que alimentarse de reservas, non almacenaron e iso retrasou os procesos ao redor dun mes e aquí, onde a colleita se concentra en dous meses, xa podes imaxinar o que supón. O 90% do que producen fano en xullo e en agosto, e se perdes un tes unha campaña moi mala na zona da Serra da Carba. Xa foi mala os últimos anos, pero nos anteriores os problemas concentráronse máis na primavera, que este ano foi boa.

E a velutina?
Hai carga, porque a primavera a favoreceu. Pese ao trampeo, e en Vilalba só nós, na asociación, capturamos 14.000 raíñas, un récord, retiraronse uns 100 niños. Se non fixesemos trampeo, podería ser moito peor.

Nesta campaña capturamos 14.000 raiñas de velutina co trampeo; é un récord

Que mel producen?
Nós temos de dous tipos, de montaña, a base de silva e de braña, que é máis escuro, máis forte, cun punto ácido; e multifloral, das colmeas de Goiriz, que é máis claro e dulzón, grazas á floración máis variada. E nos socios tamén predominan estes tipos.

De onde vén o seu gusto pola apicultura?
Na miña casa, de pequeno, meu pai tiña un trobo, que morreu coa varroa. E despois, cando tiña uns 20 anos, un amigo tiña colmeas, ía con el, regaloume unha e cando te das de conta, tes 150. Nós apostamos polo mel como complemento á queixería.

Cal é o seu mel favorito?
A min gústame o de breixo. Un mel cun alto porcentaxe en breixo —máis do 45%— é o ideal, e a mestura de breixo e de silva para min é perfecta. É o que máis nos gusta na casa, tamén aos nenos, ten que picar un pouquiño.

Comentarios