A reportaxe da Chaira

Mestre: o peado no que brotan os proxectos

Neste núcleo de San Xurxo de Piquín só quedan agora dúas vivendas habitadas, pero a el chegan varias iniciativas para impulsalo
Os veciños de Mestre na xuntanza celebrada no ano 2019. MÓNICA CASTELAO
photo_camera Os veciños de Mestre na xuntanza celebrada no ano 2019. MÓNICA CASTELAO

Ribeira de Piquín é unha desas terras que non fai falta levar no sangue para sentila, só coroar o alto do Couso e ver de fronte a súa fermosa paisaxe é suficiente para cargarse da enerxía única que se respira neste concello que sofre ese mal que asolaga ao rural: o despoboamento. Precisamente, en pleno corazón da Ribeira de Piquín atópase un núcleo fortemente afectado pola gradual desaparición dos seus habitantes: Mestre, un lugar pertencente á parroquia de San Xurxo de Piquín no que ademais da pendente destaca a súa xente. Ribeiregos que marcharon e outros que quedaron, pero destes últimos sobran os dedos dunha man para enumeralos: Félix, Manolo, Jovita e Emilio. 

A emigración foi levando aos veciños de Mestre a construír as súas vidas lonxe do lugar que os vía nacer e pouco a pouco a aldea foi chegando ao punto no que se atopa agora, con só dúas casas habitadas. Pero cando chega o verán algunhas vivendas volven abrir as súas portas para albergar aquelas familias que viven fóra e non perden a oportunidade de visitar cada verán o seu paraíso. "Llevo viniendo desde que tengo un año y este es mi sitio en el mundo", confesa Mónica Castelao, que naceu en Barcelona "pero es como si fuera de Ribeira de Piquín". 

Llevo viniendo desde que tengo un año y este es mi sitio en el mundo

Ese lugar co que ten unha conexión especial e que considera o seu "paraíso en la tierra" foi o responsable de que Castelao botase a andar o seu proxecto persoal, o blog Galicious, no que quería escribir sobre aquilo que a apaixonaba, que non era outra cousa máis que as raíces dos seus pais, ambos lucenses.

Francisco e Mónica Castelao na porta da súa casa familiar en Mestre. NOEMI FERNÁNDEZ
Francisco e Mónica Castelao na porta da súa casa familiar en Mestre. NOEMI FERNÁNDEZ

"A los cuatro años mis padres me apuntaron al Centro Gallego de Barcelona y me metí en el grupo de baile y de gaita, llevaba Galicia en vena", relata Mónica detrás da cociña da Casa do Méndez, na que seu pai, Francisco, viviu durante 22 anos e que formaba parte dun núcleo de máis dunha vintena de vivendas habitadas. "Mestre foise quedando sen xente de forma gradual, porque quen máis e quen menos fomos marchando de aquí", apunta Francisco.

Pero marchar fisicamente non significou para esta familia ribeirega levar de Mestre o seu corazón, onde aínda queda un cachiño da súa historia e da súas raíces. A ilusión de volver, aínda que só sexa unhas semanas, segue vivindo neles cada ano, como lles acontece a outros veciños que chegan dende Mondoñedo, Lugo, Bilbao ou da mesma capital catalá. "Cuando nos juntamos es espectacular", conta Mónica mentres recorda aquela xuntanza veciñal que organizaron no verán do 2019 e que logo lles roubou a pandemia, pero que agora xa soñan con recuperar de cara ao ano que vén. "Ya creamos el grupo de WhatsApp y decidimos que la primera quincena de agosto lo volveremos a hacer", apunta emocionada Mónica. 

É un paraíso, teño algo especial con ela dende neno

Esa mesma emoción asolaga a Francisco da Casa do Méndez cando se detén a pensar nos novos proxectos que están traendo vida a Mestre, e entre bágoas, coa voz entrecortada, confesa que "é estupendo porque isto estaba esquecido de todo". O que confirma que o despoboamento é un mal que non só afecta ao noso rural, senón tamén ao corazón de quen o viviu no seu máximo esplendor.

Gaitafilmes é un dos protagonistas que reconforta a Francisco, pois hai menos dun ano a produtora meirega puxo en marcha un estudio creativo de posprodución e cor no corazón da Ribeira de Piquín, esa terra que para Andrés Goteira, socio fundador, tamén é "un paraíso, teño algo especial con ela dende neno". 

Andrés Goteira no estudo de Gaitafilmes ubicado en Mestre. EP
Andrés Goteira no estudo de Gaitafilmes ubicado en Mestre. EP

De novo, Mestre fixo a súa maxia con Goteira, que no lugar experimenta unha sensación única. "Cando chego o tempo cambia, todo colle un ritmo lóxico, parece que a natureza marca un tempo moito máis orgánico", sinala. 

E precisamente esa forza natural é a que os empurra a seguir batallando en iniciativas entre as que se atopa un viveiro, un viñedo e un apartamento de aluguer "relacionado coas terapias" e no inverno "o mellor lugar para escoitar os catro ventos". 

E cos traballos da terra, o viveiro e o viñedo, a natureza tamén xoga un papel fundamental. "Neste tempo demostroume que é moito máis forte ca min", confesa Goteira, que acompañado dos seus amigos foi limpando de silvas o viñedo e descubrindo cada unha das cepas co obxectivo de que quizais algún día poida volver ser aquel xardín que coidaba Nemesio (o antigo dono) e será entón cando Goteira estea satisfeito e colgará nel "un carteliño en honra a Nemesio".

E tamén na contorna do estudio, cuxa estrutura é unha palleira rehabilitada, está a casa na que a produtora meirega gravou a curta ‘Ulises’, dirixida por Felix Brixel e cuxo ambiente marcará a esencia da vivenda que segundo os plans acabará converténdose "nun taller de carpintería ou de argalladas variadas", explica Goteira, que apunta ademais que a finalidade é ter "un espazo libre para a imaxinación" sen invadir nin modificar a cociña tradicional e o forno de cocer o pan.

Pero ademais de Gaitafilmes, en Mestre tamén hai máis protagonistas que lle permiten ao lugar seguir latexando: a fundación TerrEo, unha iniciativa de carácter municipal que ten nos montes de Mestre unha das súas ramas de acción. 

Roberto Fernández, cos porcos celtas de Mestre. EP
Roberto Fernández, cos porcos celtas de Mestre. EP

Nas terras que son propiedade da comunidade de montes viven agora 48 porcos celta que axudan a previr incendios, protexer e potenciar a raza e "servir de espello para que outras persoas se poidan animar a facelo", explica Roberto Fernández, alcalde de Ribeira de Piquín. Os animais, que se abastecen de forma autónoma e están vixiados por cámaras, campan por unha superficie de dez hectáreas de terreo das 300 que posúe a comunidade de montes e son tamén veciños de Mestre, o que enche de satisfacción aos que ven como a súa aldea segue viva. 

"Cuando me enteré de que hacían lo del porco celta me emocioné un montón", explica Mónica Castelao, que recoñece que Mestre non é o que era e que seguen faltando facilidades para poder vivir nel, pero aínda con esas soña con facerse no lugar con algunha vivenda propia. "Aunque sea una habitación y un baño, yo quiero mi lugar en Mestre", precisa Castelao, que mantén un sorriso nos seus beizos que reflicten ese orgullo e ilusión que sente pola súa aldea. 

Coma ela, o seu pai Francisco tamén se enche de orgullo por cada recuncho da súa aldea (especialmente pola Fonte de Abaixo), unha sensación contaxiosa que confirma esa enerxía única, de paz e hospitalidade, que se respira en cada núcleo do concello de Ribeira de Piquín, a terra de 500 habitantes no padrón pero que se multiplica, e moito, se contamos os que a levan no corazón. 

A Fonte de Abaixo de Mestre, hoxe en día practicamente inaccesible. MÓNICA CASTELAO
A Fonte de Abaixo de Mestre, hoxe en día practicamente inaccesible. MÓNICA CASTELAO

Comentarios