Mero Iglesias presenta no San Alberte o seu novo libro sobre o Camiño Norte

O acto para dar a coñecer 'No baleiro dunha soidade' estivo enmarcado dentro do XLI Festival de Pardiñas
Mero Iglesias, na presentación de 'No baleiro dunha soidade' no San Alberte. C.PÉREZ
photo_camera Mero Iglesias, na presentación de 'No baleiro dunha soidade' no San Alberte. C.PÉREZ

O entorno do San Alberte acolleu na xornada de onte o segundo acto do XLI Festival de Pardiñas, que este ano se reinventou para promover pequenos eventos nas distintas parroquias do concello ao longo de todo o mes de agosto. Nesta ocasión, o protagonista foi Mero Iglesias, que presentou a súa nova obra 'No baleiro dunha soidade', que naceu como “un reto de facer un libro sobre o Camiño Norte para alumnos de secundaria”, tal e como explicou el mesmo.

“Aquí chegaron todas as culturas. Runi e Orieca -os protagonistas- empezan a andar os camiños. E é un libro descritivo, con conversas de xente de cada lugar ata chegar a Compostela”, apuntou Mero. A obra tamén está previsto que se presente en Vilalba e Mondoñedo.

O lugar escollido para facer esta presentación non foi casual, xa que, tal e como indicou na benvida aos presentes Alfonso Blanco, coordinador da AC Xermolos, “este espazo precioso, paisaxe maravillosa, fálanos de séculos de historia e literatura”. “Agustín Fernández Paz, Manuel María ou Díaz Castro viñan por aquí. Ademais, o poema 'Penélope' de Díaz Castro fala nun verso de que aquí é Pastoriza e hoxe é a celebración da Divina Pastora na capela, que sempre se fai o primeiro domingo de agosto. Unimos a literatura e a festa”, engadiu.

A xornada contou tamén coa música do grupo tradicional Caivanca e de Raúl Galego, ademais do propio autor do libro, que tamén se animou a tocar.

Comentarios